O Concello reparará con urxencia un tramo da tubaxe de pluviais entre Vidal Rocha e Castelao
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo acometerá con carácter urxente a reparación dun tramo da tubaxe de pluviais entre as rúas Vidal Rocha e Castelao que está a provocar problemas de filtracións. A actuación centrarase nuns 55 metros de canalización que se atopa en moi mal estado, aínda que o obxectivo do goberno local é continuar coa substitución do resto a medio prazo.
A tubaxe é de formigón e atópase instalada a unha gran profundidade, máis de cinco metros, polo que para comprobar o seu estado foi preciso utilizar un robot autónomo provisto de cámara de vídeo. Tras a inspección concluíuse que o tramo conta con gretas en varias zonas e coas xuntas de unión abertas o que provoca fugas. A reparación contempla a rehabilitación completa da mesma a través dun sistema non invasivo e mellorando o coeficiente hidráulico da canalización.
Esta actuación enmárcase dentro dos obxectivos do goberno de mellora da rede de saneamento e abastecemento de auga en todo o municipio. Ao longo deste ano, sacará a concurso o servizo de auga que inclúe unha serie de obras de ampliación, renovación e novas infraestruturas da rede de saneamento e abastecemento valoradas en case 13 millóns de euros nun total de 65 actuacións.