O control de horarios do persoal municipal de Meaño será por recoñecemento facial
Por Redacción
Un sistema de recoñecemento facial do persoal do Concello permitirá controlar os horarios e a xestión dos profesionais municipais. O goberno local de Meaño indica que as empresas que queiran presentarse ao concurso para implantar este sistema teñen de prazo ata o 26 de xaneiro, utilizando a plataforma Silex para trasladar a oferta.
O orzamento inicial é de 16.998 euros, ive engadido, e o prazo para a instalación é dun mes desde que se adxudique o servizo. A entidade adxudicataria deberá instalar o software do control horario dous terminais biométricos faciais, configuración inicial e catro anos de servizo de mantemento dos equipos e da xestión dos usuarios.
Tamén deberá contar cunha plataforma que permita a consulta en tempo real, vía web da xornada de traballo. Este sistema permitirá que cada empregado realice a solicitude de permisos, ademais da xestión para reclamar vacacións ou outros servizos; consulta de saldo e contador das horas traballadas, atrasos, calendario de traballo, quendas. Pola súa banda, os encargados do servizo coñecerán o persoal presente e ausente, o saldo e o contador das horas traballadas polo persoal ao seu cargo.
Este programa de xestión de permisos e incidencias deberá ser parametrizable durante todo o tempo do contrato en altas, baixas, xornadas laborais, cuadrantes para os diferentes servizos, tipos de conceptos en permisos e outras incidencias.