Identificada unha parella como autora de dous atracos a taxistas no Salnés
Por Redacción
A Garda Civil identificou unha parella como autora de dous atracos a taxistas que se producían o venres 8 e o sábado 9 de xaneiro durante a madrugada na comarca do Salnés.
En ambos os casos, un home solicitaba por teléfono servizos de taxi para acudir a unha urxencia ao Hospital. Cando chegaba o taxi subía unha parella que alegaban, como treta, que tiñan que recoller ao seu fillo noutro domicilio para, a continuación, trasladalo ao hospital.
A través deste método, desviaban os taxistas do roteiro cara ao Hospital e dirixíanos, nun caso, a unha zona de Vilagarcía de Arousa e, na segunda denuncia, a outra zona no termo municipal de Vilanova de Arousa.
Unha vez que o taxista paraba a marcha no punto indicado, o home ameazábao cun coitelo, alertándoo de que era un atraco e que entregase o diñeiro e o teléfono. Nunha das ocasións, o taxista lograba baixar rapidamente do vehículo e facer fronte ao atracador, aproveitando a ocasión para volver subirse ao taxi e fuxir da zona.
No outro caso, os autores do atraco conseguían o diñeiro e o teléfono móbil. Mesmo picaron unha roda do taxi para asegurarse a fuxida do lugar.
Os axentes da Garda Civil obtiveron unha base indiciaria, a través de diferentes dilixencias de investigación e iso permitiu identificar á parella autora dos roubos. Trátase dun home e unha muller con domicilio en Vilagarcía de Arousa e con idades de 45 e 41 anos.
Tras as dilixencias, a muller foi posta en liberdade en sede policial e o home pasou ao dispor do Xulgado de Garda de Vilagarcía. Neste caso, o titular do Xulgado decretou o seu ingreso en prisión.
A investigación foi realizada polo Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil con sede no municipio de Cambados, baixo a dirección do Xulgado de primeira Instancia e Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa e da Fiscalía de Pontevedra.