Seis horas e media para lograr curar un corte a unha nena de 4 anos confinada: "¡Que ya llevamos conviviendo con la covid-19 10 meses!"
Por Natalia Puga
Horas de espera, traslado en ambulancia ao Hospital Provincial, máis espera e novo traslado a casa en vehículo sanitario. Así pasou a tarde e a noite do 13 de xaneiro un matrimonio pontevedrés. A súa filla de catro anos sufriu un pequeno corte nunha caída accidental en casa e necesitaba sutura, pero a familia estaba confinada por ser contacto estreito cun positivo de covid-19, de modo que o que podería liquidarse cunha pequena visita ao seu centro de saúde converteuse en toda unha odisea de seis horas e media na que foi preciso mobilizar dúas ambulancias.
Superado o susto, e coa súa filla totalmente recuperada, aproveitan para reflexionar sobre a necesidade de revisar os protocolos sanitarios activados por mor da covid-19. Son conscientes de que o seu caso non é grave e aseguran que o trato do persoal sanitario foi "exquisito", tanto do número específico de atención á covid-19, como do 061, do hospital e das ambulancias, pero cuestionan que fose necesario mobilizar a dúas ambulancias, un vehículo que seguramente tería que atender urxencias e casos graves.
"Es increíble que no hayan previsto ningún otro tipo de transporte, algún vehículo adaptado con su mampara para estos traslados. ¡Que ya llevamos conviviendo con la covid-19 10 meses...! No es nuevo", reflexiona esta nai pontevedresa, que sabe que estaban en corentena e, por tanto, ve necesario activar protocolos específicos e extremar as precaucións ante posibles contaxios, pero non comparte as medidas aplicadas.
Esta nai cre que "las ambulancias están para urgencias, esto podría haber ido en un coche adaptado". Esta medida supoñería manter libres as ambulancias para casos graves e, ademais, reducir custos, pois outro tipo de vehículo como, por exemplo, os taxis con biombo, son máis sinxelos e económicos de desinfectar tras o seu traslado.
A súa odisea comezou ás 18.10 horas. A súa filla menor A., de 4 anos, escorregouse e deuse un golpe co queixo contra o moble da televisión, facéndose un corte. Tras o susto e reaccións iniciais ao corte, como cortar a hemorraxia e acougar os ánimos da pequena con mimos e abrazos, os pais chamaron ao número facilitado pola Xunta de Galicia para asuntos relacionados coa covid-19, xa que estaban en confinamento domiciliario por contacto estreito cun positivo.
O trato foi moi bo, explicáronlles que tiñan que chamaron ao 061, que o traslado ao centro hospitalario tería que ser necesariamente en ambulancia e que unha persoa adulta podería acompañar á menor.
A 18.14 horas realizaron a chamada ao 061, que confirmou o protocolo. Dado que era necesario trasladar unha ambulancia e o caso non era urxente, esperaron máis de tres horas. Durante a espera, o pai e a nai tiveron que facer quendas facendo presión sobre o corte, que aínda que sangraba moito menos, aínda continuaba facéndoo.
Ás 21.20 horas chegaron a recollelas para trasladalos ao Hospital Provincial. Ás 21.40 horas xa lle poñían ao nena tres puntos de sutura e a intervención estaba finalizada. Con todo, aínda quedaban outras tres horas de espera porque necesitaban, de novo, unha ambulancia.
Ás 23.00 horas seguían esperando e a pequena A. xa tiña fame. A esas horas adoita estar a durmir e adoita cear moito máis cedo, de modo que o persoal achégalle "lo que tienen", galletas e un iogur. A súa nai está moi agradecida, "más no pueden hacer". Mesmo lles pediron desculpas pola demora.
Finalmente, ás 00.35 horas, seis horas e media despois do corte, emprenderon o camiño á casa.