Pontevedra propón un plan de rescate "a tres bandas" ante unha economía "agonizante"
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra entende que todas as administracións deben "pasar á acción" e alcanzar un "gran acordo" para paliar os efectos da pandemia da covid-19. Así o sinalou a súa portavoz, Anabel Gulías, ante unha "preocupante" terceira vaga "que é un feito".
Tras recoñecer que a pandemia "nos colleu co pé cambiado a todos", o executivo local de Pontevedra ve "necesario" deseñar un "plan de rescate estrutural" que axude aos afectados a combater a súa "situación agonizante" desde o punto de vista económico e social.
Este plan de rescate debería ser, segundo Gulías, un programa no que participen a Xunta de Galicia, as deputacións provinciais e os concellos. Todos eles deben ter "altura de miras" e traballar nunha iniciativa conxunta "na que todos arrimemos o ombreiro", engadiu.
Pontevedra entende que o "temón" deste plan debe recaer na Xunta de Galicia, ao ter as principais competencias. Así o reflicten na carta que lle enviarán ao presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.
Debe ser un plan "inmediato" porque os afectados "non poden esperar máis" e ser "simple" e cunhas bases "claras", apuntou a portavoz do goberno municipal pontevedrés.
O diñeiro para sufragar este plan de rescate, segundo o executivo de Pontevedra, debería saír de maneira "proporcional" das "tres patas" deste programa, de forma que cada unha das administracións destine o mesmo porcentaxe dos seus respectivos orzamentos.
Trátase, segundo Gulías, dunha proposta " xenerosa" por parte das entidades locais, xa que lembrou que estas, a pesar de afrontar cuantiosos gastos pola pandemia, non recibiron do Estado ningún "recurso extra" como si tivo a Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Pontevedra insiste na "man tendida" para un acordo nas axudas á hostalería e o turismo
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide á Deputación e aos concellos que se sumen a un fondo de axudas á hostalería ao que a Xunta aportaría o 50%
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno provincial insta á creación dun "auténtico Plan de Rescate" da man da Xunta e os concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Velorio pola hostalería perdida pola pandemia na Peregrina
Por Manu Otero |
-
Carmela Silva critica o "trilerismo político" da Xunta co plan de axudas á hostalería
Por Oskar Viéitez |
-
Catrocentos hostaleiros de Pontevedra xa recibiron as axudas do plan de rescate da Xunta
Por Redacción |
-
A Deputación reclama á Xunta un plan "inmediato" de rescate a hostaleiros e comerciantes
Por Redacción |