O "Laboratorio da Infancia" promoverá talleres sobre valores, visitas a parques forestais, piragüismo e escalada
Por Redacción
A Concellería de Educación do Concello de Pontevedra impulsará este ano o deseño dun Plan Estratéxico Local da Infancia e a posta en marcha dun Laboratorio da Infancia que, entre outras accións, promoverá diversos talleres de educación e concienciación medioambiental, prácticas deportivas coma o piragüismo e a escalada, sostibilidade, economía circular e vida saudable.
O departamento municipal aprobou a finais do ano pasado os pregos de condicións para contratar a asistencia que permitirá elaborar e coordinar deste proxecto, enmarcado dentro da estratexia EDUSI ‘Máis Modelo Pontevedra’ confinanciado con fondos europeos.
Segundo explica o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, o Servizo Municipal de Contratación "debe proceder agora á súa publicación, como paso previo á presentación de ofertas por parte das empresas interesadas".
Tino Fernández indicou que neste avance da Estratexia Local para a Infancia e o seu primeiro Plan de Acción crearanse e executaranse de xeito dinámico e cunha alta participación das familias, os diversos actores sociais e os axentes educativos e pedagóxicos, incluídos centros docentes e investigadores da universidade expertos nesta área.
"Terá como criterios internos fundamentais os da igualdade de xénero entre mulleres e homes, a igualdade de oportunidades e a inclusión social, a sostibilidade, a promoción das liberdades individuais e dos dereitos humanos e sociais, o comportamento social, a análise crítica, o razoamento e o coñecemento, así como o fomento da innovación", sinala o tenente de alcalde.
O orzamento económico para a contratación da asistencia técnica na elaboración e coordinación da Estratexia Local para a Infancia e seguimento do Plan de Acción ascende a 54.790 euros, mentres que o relativo ao Deseño e Execución das Accións Directas do Plan de Acción é de 78.650 euros.
Relacionadas:
-
Estela Lamas derruba barreiras e prexuízos a golpe de palada
Por Manu Otero |
-
O Laboratorio da Infancia programa actividades saudables para escolares
Por Redacción |
-
O proxecto do Laboratorio da Infancia esperta o interese de empresas de Pontevedra e foráneas
Por Redacción |
-
Pontevedra impulsa un Laboratorio da Infancia para promover unha vida saudable
Por Alejandro Espiño |