Os socialistas reclaman á Xunta a transferencia aos concellos de 250 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
Os 22 alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia de Pontevedra acordaron esixir á Xunta a transferencia inmediata de 250 millóns de euros, con criterios regrados, entre todos os concellos de Galicia "para que sexa a Administración local, a máis próxima á cidadanía e á primeira porta á que chama a xente cando hai un problema", a que reparta as axudas aos sectores máis afectados pola pandemia de covid19, segundo informou o secretario provincial do PSdeG, David Regades.
Así se acordou nunha xuntanza telemática na que tamén tiveron voz a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os presidentes das federacións española (FEMP) e galega (FEGAMP) de municipios e provincias, Abel Caballero e Alberto Varela.
Así os responsables locais socialistas insisten en que "quen pecha, paga". Deste xeito sumáronse ao BNG que defende que o mesmo día en que a Xunta acorde pechar ou restrinxir un sector debe aprobar as indemnizacións correspondentes.
Ademais, "diante da incapacidade da Xunta para xestionar axudas cribles e trazables", ofrecéronse para que, unha vez transferidos á Comunidade por parte do Estado eses 250 millóns (en torno a 120 millóns por cada un dos dous anos da pandemia), "os concellos sexan o portelo único onde se tramiten e resolvan as axudas reais con cartos contantes e sonantes en lugar do fume da propaganda institucional".
O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, lembrou que a Xunta de Galicia ten recibido xa 1.193 millóns de euros extraordinarios do Goberno de España para atender tódalas frontes derivadas da covid19 e non transferiu nin un só euro aos concellos galegos, a pesar de que estes asumiron subvencións directas ás súas pequenas empresas e autónomos, exencións e bonificacións fiscais e mesmo gastos por competencias impropias como as desinfeccións de colexios e espazos públicos.