A obra do local social de Gondar conta xa co 90% da estrutura do edificio construída
Por Redacción
Gondar está cada vez máis preto de contar co novo local social. As obras que arrincaron o pasado mes de novembro avanzan a bo ritmo, algo que puido constatar o alcalde, Telmo Martín, durante unha visita esta mesma semana á zona. Apenas dous meses do inicio das obras e, pese ao parón do Nadal, o 90% da estrutura de formigón do edificio xa está executada.
A adxudicataria Vipeca, Obras e Servizos é a encargada de executar un edificio dunha soa planta de 183 metros cadrados que se distribúe nun vestíbulo de entrada, unha gran sala polivalente, unha oficina, dous aseos e un almacén.
Así mesmo, está previsto urbanizar o exterior cun aparcamento e unha zona verde garantindo a accesibilidade. A edificación conta con dúas fachadas sobre rasante, polo cal as outras dúas prevense enterradas en dúas dos seus lados.
O proxecto permite a integración da edificación proxectada na contorna da chaira pétrea (de recente construción) existente e lindeira coa Capela de Santo Tomei de Gondar. A distancia entre a edificación do local e a capela, medidos entre os extremos máis próximos de fachadas, é de 25 metros.
O proceso de licitación deu comezo en xuño despois de que a comisión de festas efectuase a modificación catastral da parcela que permitiu elevar a escritura pública a cesión. Os traballos, valorados en 254.000 euros, realizaranse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e responden a unha vella demanda veciñal en Vilalonga.