A Fiscalía pide 53 anos de cárcere para un pontevedrés por agresión sexual continuada aos seus tres sobriños durante unha década
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves un xuízo por agresión sexual continuada. No banco dos acusados sentará un home acusado de abusar de dúas sobriñas e un sobriño menores de idade.
A Fiscalía solicita unha condena de 53 anos de cárcere por abusar das súas dúas sobriñas cando eran menores ao longo dunha década, desde 1996 e ata o 2006, ano en que tamén abusou dun sobriño, un neno de sete anos de idade.
O sospeitoso, segundo consta no escrito de cualificación, participaba de voluntario en actividades relacionadas con menores.
Trátase dun caso que procede do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra.
O escrito de acusación da Fiscalía asegura que este home "sempre co propósito de satisfacer o seu apetito sexual" aproveitaba que as nenas visitaban a casa dos avós, onde el residía, para facerlles tocamentos, ver películas pornográficas e facer actos sexuais. A terceira vítima é un sobriño de sete anos.
O Ministerio Público sostén que a primeira menor sufriu abusos case a diario durante cinco anos, ata que cumpriu once. A menor sofre unha tensión postraumática aguda de inicio tardío e padece agorafobia, un tipo de trastorno de ansiedade vinculado aos abusos na súa infancia.
Coa segunda sobriña, segundo o fiscal, actuou ata que ela cumpriu os 9 anos. A vítima padece tensión postraumática, con elevada ansiedade como recordos intrusivos, ataques de angustia e de revivir sensacións de abuso e pesadelos, así como dificultade para as relacións persoais.
Ambas están a tratamento psiquiátrico e farmacolóxico.
A Fiscalía de Pontevedra pide 30 anos en conxunto polos dous delitos de agresión sexual continuada ás nenas, 13 anos pola agresión sexual ao sobriño e un total de 10 anos polas lesións psíquicas ás vítimas.
Así mesmo, solicita que se lle impoña ao procesado a prohibición de acudir ao lugar onde residan ningún dos tres menores, así como os seus familiares por un tempo de cinco anos unha vez que saíse de prisión e a prohibición de exercer oficio relacionado con menores durante seis anos.
Relacionadas:
-
Un pontevedrés acusado de violar a tres sobriños menores durante anos declárase inocente e rexeita dar a súa versión
Por Natalia Puga |
-
Piden unha condena de 39 anos a un home por atar, golpear e agredir sexualmente á súa parella
Por Oskar Viéitez |
-
O pontevedrés acusado de violar e agredir á súa esposa nega os feitos
Por Oskar Viéitez |