O Concello de Poio oferta catro prazas de operarios de servizos e unha de xardinería
Por Redacción
O Boletín Oficial do Estado (BOE) deste venres 15 de xaneiro publica dous anuncios, nos que se informa da apertura do prazo de solicitudes para optar a varios postos dentro do persoal fixo do Concello de Poio.
O concelleiro de Persoal, Xosé Luís Martínez, explica que o obxectivo é cubrir catro vacantes correspondente a área de operarios de Servizos. Ademais, tamén se oferta un posto de operario de Xardinería.
O responsable deste departamento municipal sinala que todas aquelas persoas interesadas en participar no proceso selectivo dispoñen dun prazo de 20 días naturais, a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no BOE para presentar a documentación pertinente para participar no proceso selectivo. Martínez lembra que este trámite pódese realizar tanto nas dependencias da Casa Consistorial como por vía telemática, a través da Sede Electrónica do Concello de Poio.
O reforzo de todos estes postos levarase a cabo a través do sistema de oposición en quenda libre, engade o concelleiro de Persoal.
Ademais, a Administración municipal lembra que as bases polas que se rexen estas prazas forman parte das correspondentes ás da Oferta de Emprego Público, que foron xa publicadas, logo da súa aprobación en Xunta de Goberno Local, no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) do 11 de maio de 2020. Nestas bases, ademais de informar dos requisitos e da documentación necesaria para poder tramitar as solicitudes, tamén se recolle o temario e o desenvolvemento das probas.