Investigadores da UVigo deseñan un xogo para que os nenos aprendan a manexarse ante unha parada cardíaca
Por Redacción
O grupo de investigación Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, vén de crear un xogo para ensinar aos nenos como actuar no caso de atoparse ante unha vítima dunha posible parada cardíaca. Trátase dun cubo despregable que foi nomeado como 'Rescube'.
O cubo presenta, a través dunha serie de imaxes protagonizadas por un superheroe infantil e que foron desenvolvidas polas investigadoras Cristina Varela, Begoña Paz e Itziar Ezquieta, os pasos que os nenos deben seguir se se atopan ante esa situación de emerxencia.
Como destaca a tamén docente da Área de Didáctica da Expresión Plástica, Cristina Varela, para o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), trátase de "ir interactuando como se fose un xogo", á vez que coñecen, nas diferentes caras do cubo, "os pasos que deben seguir ante un posible caso de parada cardíaca".
Deste xeito, "ensínalles en primeiro termo a recoñecer un posible episodio deste tipo, convídaos logo a manter a calma e comprobar a respiración, para finalmente explicarlles que información deben proporcionar ao chamar o 112".
PRIMEIRAS PROBAS
O uso de 'Rescube' como ferramenta educativa foi validado por un grupo de once persoas expertas dos ámbitos da medicina, a enfermaría, a educación, o deseño e os primeiros auxilios, tal e como se reflicte no artigo que o grupo de investigación publicou na revista Anales de pediatría.
"Trátase dun comité de expertos que valida que o material é adecuado, que a secuencia da cadea de supervivencia sexa a apropiada, que pedagoxicamente estea utilizando unha linguaxe correcta, que a caracterización dos personaxes sexa adecuada á idade á que vai referida, que visualmente teña unha iconografía ben desenvolvida...", apunta Cristina Varela.
Neste artigo analízase o uso do cubo con nenos de entre 5 e 8 anos, unha idade da que Varela lembra que, se ben "non teñen a capacidade física" para realizar con calidade a manobra de reanimación cardiopulmonar (RCP), "si son capaces de comprender a cadea de supervivencia e a súa activación", polo que poden "contribuír a salvar vidas". O estudo piloto realizouse con 120 nenos e nenas.
O grupo de investigación proxecta tamén colgar na rede estes materiais, con licencia Creative Commons, para que calquera poida descargalos de balde e poidan ser empregados como recurso educativo. E como curiosidade, nestes tempos de pandemia, para facilitar unha linguaxe sinxela para os nenos, os persoaxes dos debuxos van portar máscara e manter as distancias.