As novas restricións levantan un muro e provocan o caos na fronteira entre Pontevedra e Marín
Por Manu Otero
Galicia amenceu este venres con novas restricións, as máis severas desde o confinamento, e en moitos lugares as novas limitacións colleron co pé cambiado á poboación. É o caso dos veciños de Lourizán, principalmente de Praceres e Estribela, que se atoparon esta mañá con que as autoridades non lles permitían cruzar a fronteira a Marín, como acostuman facer a diario para as tarefas domésticas, polo peche perimetral de Pontevedra.
Desde a medianoite do xoves, os habitantes de Pontevedra non poden abandonar o seu municipio, salvo por causas de forza maior. E entre as excepcións non figuran ir ao supermercado, nin ao salón de peiteado, nin ao estanco, nin á cafetería, nin á carnicería, nin á administración de lotería, nin ao banco, etcétera. Xestións que os pontevedreses destas localidades soen facer, por proximidade e comodidade, na localidade limítrofe de Cantodarea, en Marín.
"As miñas clientas son de Lourizán e Paceres e agora non poden pasar. E iso que son só dous pasos andando. Non poderán vir comprar e quedarei sen clientes", lamenta a propietaria dunha carnicería a escasos metros da franxa con Estribela. "Algúns xa me dixeron de levarllo ata o límite e mo recollen alí. E teremos que facer así porque isto a nós aféctanos moitísimo", lamenta pedindo flexibilidade á policía.
"Deberían haber excepcións. Eu o Froiz ou teño aquí ao lado, se teño que ir a Pontevedra hai máis xente, teño que coller o coche e lévame máis tempo. Isto ten menos risco", argumenta un veciño de Estribela. "Nós compartimos abastos, compartimos sanidade", engade outro pontevedrés que fai vida en Marín. "É que Estribela é Marín", resume o propietario dun estanco en Cantodarea cuxa clientela é maioritariamente de Estribela e Praceres.
"Parece un pouco absurdo. Estamos ao mesmo nivel a só perimetraron Pontevedra porque e unha cidade. Xa estivemos xuntos durante meses. É absurdo", quéixase unha marinense que traballa en Lourizán.
A pesar da incomprensión xeneralizada por parte dos veciños, desde a Policía Local marinense, conscientes do movemento habitual entre ambos os municipios, puntualizan que polo momento os operativos céntranse máis en informar que en sancionar, pero " senón queda máis remedio propoñeremos para sancionar", avisan.
Neste primeiro día, o seu labor centrouse principalmente en "chamar a atención para que se saiba que non pódense infrinxir as novas modificacións". Durante o control, os axentes subiron tamén ao autobús que cobre a liña Pontevedra-Marín para advertir aos viaxeiros que non poden cruzar a raia.
"A xente ten moito temor e moitísimas dúbidas, aínda que a maioría están a favor porque entedemos que a situación é moi difícil", recoñece o axente.
O control policial repetiuse tamén á primeira hora da tarde, o que xerou grandes retencións que se estenderon ata a zona do estaleiro de Praceres.
Relacionadas:
-
Pontevedra pide á Xunta ser "flexible" coa mobilidade dos que viven en zonas limítrofes
Por Alejandro Espiño |
-
Primeiras sancións por saltarse o peche perimetral da Boa Vila
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Núñez Feijóo ve "razoable" adiantar aínda máis o toque de queda e facer confinamentos "parciais"
Por Redacción |
-
Galicia amence coas restricións máis duras desde o confinamento
Por Alejandro Espiño |
-
Incrementarán os controis policiais en Poio ante as novas restricións pola covid-19
Por Redacción |