Aproban a adxudicación de mellora da Estrada do Balneario de Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de aprobar a adxudicación das obras de Mellora da Estrada do Balneario.
Durante a reunión deste venres da Xunta de Goberno Local, decidiron conceder os traballos á empresa Asfagal Técnicas Viarias SL.
A intervención terá unha duración de oito meses e consistirá na mellora dos itinerarios peonís, deixando un vial de sentido único no que se crearán beirarrúas en pedra, estacionamentos en batería, incluíndo espazos para o aparcamento de autobuses, a creación de zonas verdes e dotación de mobiliario urbano.
Segundo informou o Concello, trátase duns traballos que saíron a licitación por 647.208,59 euros (IVA incluído) e adxudicáronse por 439.389,91 euros (IVA incluído) á firma, que presentou a oferta máis vantaxosa das 32 empresas que se presentaron ó concurso.
A obra está financiada nun 80% a través de Subvención Europea de Fondos Feder e o 20% restante farase con cargo ó Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.