Caldas de Reis remata os traballos de conservación na praza de abastos
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis acaba de finalizar o proxecto de mantemento e mellora na envolvente exterior e no interior da Praza de Abastos mediante a reparación e a aplicación de pinturas xerais na fachada oeste e nos interiores do edificio.
A actuación tivo por obxecto remocicar por completo o aspecto da edificación a través da preparación das superficies e o seu posterior pintado nunha gama cromática que buscou, á vez que mellorar a luminosidade espacial xeral (mediante a introdución de brancos rotos e grises claros), harmonizar e homoxeneizar a disparidade de cores introducida ao longo das décadas pasadas.
Os traballos tamén serviron para reforzar as condicións hixiénico-sanitarias da instalación.
A acción permitiu, paralelamente, acometer a reparación das patoloxías detectadas nos capiteis de 5 das pilastras superiores que reciben o apoio das cerchas orixinais e que presentaban oxidacións internas. Desta maneira corrixiuse unha perigosa deficiencia, de forma que o conxunto volveu ao seu estado inicial a tempo de evitar males peores.
Igualmente na fachada que dá á Praza Doutor Sesto Casal realizouse un tratamento superficial completo, mediante a aplicación de tratamentos de fondo para unha posterior reposición de pinturas transpirables, que mellorarán, non só a vida útil da propia fachada, senón o ambiente e imaxe urbana desta zona na que o alzado da Praza de Abastos é a principal referencia. Doutra banda, tamén se recuperou o nomeamento na fachada de "Praza de Abastos" cunha rotulación tradicional realizada coa mesma tipografía que a do ano 1929 que figura na fachada principal.
As obras foron executadas baixo a dirección do arquitecto Luís Gil Pita pola empresa caldense especialista neste tipo de traballos, Okana 21 S.L e financiadas integramente polo Concello.
O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, destacou que con esta actuación se "avanza de maneira moi significativa na recuperación e posta en valor da Praza de Abastos e continuaremos nos vindeiros anos con novos investimentos que xa se están estudando e ao mesmo tempo melloramos a imaxe do conxunto que conforma coa rúa Real e o Camiño de Santiago e a Praza Sesto Casal sobre a que tamén temos previsto intervir".
Polo seu lado, o alcalde, Juan Manuel Rey, encadrou a intervención "na aposta firme do goberno local por converter a Praza de Abastos nun espazo estratéxico e fundamental para a revitalización do comercio de proximidade e da economía do municipio".
A Praza de Abastos de Caldas é unha obra de gran calidade arquitectónica que mantén ben definidos os elementos orixinais do proxecto de 1929, obra do arquitecto Juan Argente Navalla, que foi unha doazón do inmigrante caldense na Arxentina Juan Fuentes Echevarría, onde foi coñecido "El rey del maíz".