Núñez Feijóo ve "razoable" adiantar aínda máis o toque de queda e facer confinamentos "parciais"
Por Redacción
Para o presidente da Xunta de Galicia "non é un disparate" a posibilidade de adiantar aínda máis o toque de queda se as comunidades así o piden. Considera "razoable" que España poida situalo ás seis da tarde, como fixeron países como Francia.
Iso si, para iso o Goberno debería modificar o decreto de estado de alarma. Alberto Núñez Feijóo afirmou que o executivo de Pedro Sánchez "ten que atender" ás demandas das autonomías, que son as que están "a padecer e xestionando" a pandemia da covid-19.
A través do estado de alarma, dixo Núñez Feijóo, as comunidades deben poder adoptar maiores restricións "se teñen argumentos epidemiolóxicos para facelo".
Por agora, o Goberno sitúa de modo xeral este toque de queda ás 23:00 horas, aínda que permite elixir as comunidades se adiantalo ás 22.00 horas, como fixo Galicia, ou atrasalo ata as doce da noite.
O presidente galego, que acompañou este venres ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, na súa visita a Santiago, defendeu tamén que as autonomías poidan ordenar confinamentos parciais, municipais ou provinciais se o necesitan.
No caso de Galicia, segundo apuntou, "de momento", non sería preciso a pesar de que recoñece que "a todos nos sobrecolle o incremento exponencial" de contaxios durante esta terceira onda da covid-19 que se está "expandindo con moita máis rapidez e progresión".
Relacionadas:
-
Un home de 66 anos, vítima 90 do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés
Por Redacción |
-
As novas restricións levantan un muro e provocan o caos na fronteira entre Pontevedra e Marín
Por Manu Otero |
-
Dous pacientes máis na UCI nunha xornada con 81 novos contaxios e 907 casos activos
Por Alejandro Espiño |
-
Galicia amence coas restricións máis duras desde o confinamento
Por Alejandro Espiño |