Fiscalía pide 13 anos de prisión a un veciño de Bueu acusado de agredir sexualmente unha muller nunha caravana
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia provincial sentará no banco un home acusado de agredir sexualmente unha muller nunha caravana estacionada en Bueu.
Segundo o Ministerio Fiscal o acusado, Manuel A.L., na noite do día 17 de novembro de 2010, estivo en compañía de N.B.Q.A. tomando consumicións en dous cafetarías de Vigo e sobre as 1:30 horas do día seguinte a citada muller accedeu a subir ao vehículo daquel pensando que a ía levar á súa casa, pero unha vez os dous no coche, tras bloquear as portas, o procesado conduciu este cara á localidade de Área de Bon na parroquia de Beluso (Bueu).
Nesta localidade tiña o procesado estacionada unha caravana nun terreo situado nunha zona despoboada e chegados alí, baixou do coche, sacando a muller á forza para levala á caravana.
"Unha vez alí dentro, o procesado, guiado por unha finalidade de satisfacer o seu apetito sexual" comezou a apalpar a muller, espíndoa con violencia e agredíndoa sexualmente. "Cando o procesado cesou nestas accións, coa finalidade de privar a muller da súa liberdade de movementos, retívoa asida á cama xunto a el" ata que sobre as 6:30 horas do mesmo día a levou de volta á cidade de Vigo.
Como indemnización esixiráselle a cantidade de 10.000 euros
O fiscal entende que estes feitos son constitutivos de dous delitos de agresión sexual e detención ilegal polo que entende que pide para o acusado a pena de trece anos de prisión polos dous delitos.
Accesoriamente a Fiscalía solicita a prohibición de aproximarse a menos de 100 metros da vítima durante o tempo de dez anos.
Como indemnización polas lesións físicas e psicolóxicas causadas, así como os danos morais ocasionados esixiráselle a cantidade de 10.000 euros.
O xuízo está sinalado para o próximo día 17 de setembro a partir das dez da mañá.