Caldas cambia o diésel pola biomasa para quentar As Corticeiras
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis continúa coa súa aposta polas enerxías limpas e proximamente instalará no Campo de Fútbol das Corticeiras unha nova caldeira de biomasa de última xeración para subministrar calefacción e auga quente.
Esta caldeira de biomasa substituirá á actual que funciona con combustible diésel e, ademais de mellorar notablemente as súas prestacións, suporá un importante aforro en custos enerxéticos. Tamén se obterán beneficios medioambientais ao tratarse a biomasa dunha fonte de enerxía renovable que contribúe á redución das emisións contaminantes.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, apunta que esta iniciativa "se enmarca dentro dos compromisos do Goberno municipal para fomentar o aforro enerxético e a redución de emisións nas instalacións públicas".
A súa instalación suporá un investimento total de 28.575 euros dos que 22.860 (o 80% do total) corresponden a unha subvención que lle vén de ser concedida ao Concello por parte do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ao abeiro da orde de axudas para proxectos de enerxías renovables térmicas para os anos 2020-2021, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.
MELLORAS NO CAMPO DE FÚTBOL
O Goberno municipal lembra o esforzo que está a facer para que as instalacións do Campo de Fútbol Municipal das Corticeiras sexan óptimas, dado que nelas adestran e compiten decenas de deportistas de todas as idades. Nos últimos tempos destináronse á súa mellora e transformación máis de 500.000 euros procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Este investimento permitiu, entre outras cuestións, ampliar o terreo de xogo, renovar o céspede, construír unha nova bancada e mellorar a cuberta doutra, así como instalar unha nova cantina na última fase de obras.