Poio mellorará o acceso ao instituto polo Camiño da Outeira
Por Redacción
Ata 15.000 euros investirá o goberno municipal de Poio na mellora do Camiño da Outeira, en San Xoán. É unha zona moi utilizada pola veciñanza da zona e, sobre todo, por parte do alumnado que acode a diario ao instituto da vila.
A actuación incluirá un novo pavimento, a construción dunha cuneta, a instalación dunha nova tubaxe para canalizar as augas pluviais e a colocación de sinalización horizontal para reforzar a seguridade viaria dos usuarios.
"Confiamos en que as obras se poidan desenvolver coa maior axilidade posible, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan", explicou a edil de Obras, Chelo Besada.
Xa con anterioridade o Concello actuara neste camiño, situado no lugar de Fontenla, para ampliar o seu ancho e colocar unha capa provisional de xabre, para facilitar o tránsito dos peóns. Para isto, os veciños cederon os terreos necesarios.