Zona Monumental suspende a feira de oportunidades Stock Pontevedra por responsabilidade ante o novo auxe da covid
Por Redacción
A xunta directiva do Centro Comercial Urbano Zona Monumental anunciaba este xoves 14 de xaneiro a decisión de suspender a edición deste ano da feira de oportunidades Stock Pontevedra 2021.
A decisión adoptouse "por responsabilidade e ante a incerteza que o comportamento da covid-19 está a ter", sinalan nun comunicado desde este colectivo empresarial.
Entre as diversas cuestións que lles obrigaron a adoptar esta decisión é que se trata dun evento que leva tempo de preparación e que nestes momentos non se dan as circunstancias para que se poida desenvolver un evento como o que viña realizando desde o ano 2004. Ademais, o Recinto Feiral da Xunqueira, espazo no que se celebraba esta actividade, é empregado actualmente para realizar probas PCR de Covid-19.
A dirección de CCU Zona Monumental recoñece que "nos dá moitísima pena ter que chegar a tomar esta decisión, pero do mesmo xeito que ocorreu coa feira de Nadal - Pontenadal 2020, o primeiro é a saúde". Recoñecen que a situación epidemiolóxica da terceira onda continúa empeorando a un ritmo moi precoupante, o que provocou restricións de mobilidade, de capacidade dos espazos e todos estes elementos obrigan a esta suspensión.
Stock Pontevedra desenvolvíase durante tres días a principios do mes de febreiro coa participación de establecementos e empresas que participaban sacando á venda produtos en stock, oportunidades e ofertas especiais, coa posibilidade de que os comerciantes liquidasen mercadorías das últimas campañas ou podían presentar rebaixas especiais. A Feira conta con notable arraigamento no municipio con ao redor de 20.000 visitantes e 60 expositores de venda.