Vaca á fuga entre Sanxenxo e O Grove
Por Redacción
Dunha finca de Noalla ata o vello campo de aviación da Lanzada. Así foi a frustrada fuga dunha vaca, que onte á noite obrigou a despregar un operativo entre Sanxenxo e O Grove.
O animal, que transitou sen control polo medio da PO-308 no medio da noite, foi visto por primeira vez no interior do campo de fútbol.
O roubo do pastor eléctrico que cercaba a finca en Cova de Pazos na que se atopaba a vaca provocou que esta fuxise con facilidade e causase un grave perigo no tráfico da zona, a unha hora na que transitaban un bo número de vehículos e camións.
Ao lugar acudiu o concelleiro de Deportes de Sanxenxo, Daniel Arosa, que ao chegar comprobou que a vaca non estaba dentro das instalacións, senón que camiñaba polo medio da estrada causando un grave perigo para a circulación do tráfico.
A súa cor negra e a escasa iluminación na contorna dunar complicou a tarefa de captura do animal. Os esforzos para apresalo cun cable foron infrutuosos.
A vaca estaba moi embravecida e opuxo unha gran resistencia. Tanto que fuxiu desde a contorna do campo de fútbol de Noalla a territorio do Grove, acabando no campo de aviación da Lanzada.
Unha vez alí e despois de que se tivese que parar o tráfico para evitar unha posible arremetida da vaca, entre o concelleiro e un efectivo de Emerxencias do Grove lograron atarlle unha corda á cornamenta e apresala.
Pasadas as dez da noite, o propietario do animal acudiu ao lugar cun remolque para trasladalo. Iso si despois de darlle un pouco de comida e lograr acougalo.