Detido un veciño de Vilanova por un roubo con intimidación a un taxista e unha estafa con tarxeta
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional de Vilagarcía detiveron a un home de 29 anos de idade, veciño de Vilanova de Arousa, con antecedentes policiais, como presunto autor dun roubo con intimidación.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra, os feitos tiveron lugar na tarde do día 8 de xaneiro cando un taxista denunciaba ser vítima dun roubo con intimidación cando realizaba un servizo.
Ao parecer o individuo que recollera para o traslado ameazoulle cun obxecto co que lle presionaba a parte posterior do asento á vez que dicía "o me das el dinero o te quemo el coche y te pincho", o taxista entregoulle 50 euros que tiña na guantera e obrigoulle a levalo a unha determinada rúa.
Por mor da denuncia os axentes iniciaron as pescudas para tratar de pescudar a identidade do individuo e localizalo.
Este martes ás 17.00 da tarde os axentes policiais foron requiridos nun domicilio onde reside unha vítima de violencia de xénero para colaborar na súa protección. Cando chegaron ao lugar esta muller estaba acompañada por un home, un amigo, que ao ser identificado polos axentes comprobaron que este individuo era o que estaba implicado presuntamente no delito de roubo con intimidación ao taxista.
Ao decatarse de que os axentes o recoñecían propinoulle un empuxón a un deles tratando de fuxir do lugar, propinando patadas e golpes aos axentes que lograron detelo.
Signifícase ademais que este mesmo individuo foi identificado polos axentes como a persoa que subtraeu varios obxectos do interior de dous vehículos nun garaxe comunitario da localidade de Vilanova de Arousa.
Entre os obxectos subtraídos atopábase unha tarxeta de crédito coa que abonou ata tres carreiras de taxi polo que se lle imputa ademais un delito de estafa.
Unha vez en dependencias policiais tras prestar declaración foi posto ao dispor da autoridade xudicial.