O BNG de Marín chama a mobilizarse por unha atención sanitaria presencial e máis medios no centro de saúde da vila
Por Redacción
O BNG de Marín convoca a toda a cidadanía da vila para que o próximo xoves 14 de xaneiro asista a unha concentración en defensa da sanidade pública e por unha atención sanitaria presencial. Será ás 11.30 horas da mañá para denunciar que o ano 2021 comeza como rematou 2020, "sen melloras na atención no centro de saúde de Marín, e sen reforzo de persoal administrativo e sanitario, o que continua provocando demoras para ser atendidos".
Os nacionalistas xa convocaron concentracións anteriores para denunciar a situación sanitaria do municipio e nesta ocasión volven reivindicar unha mellora e actuacións inmediatas no centro de saúde de Marín para rematar coas listas de agarda.
Entre outras medidas, piden unha cobertura ao 100% das ausencias do persoal, pois actualmente hai prazas sen cubrir que provocan que, por exemplo, só hai unha persoa atendendo ao público e collendo as chamadas telefónicas pola tarde no centro de saúde de Marín.
A situación sanitaria, segundo o BNG, "parece que non vai mudar". O BNG prevé que o PP vai continuar cun modelo sanitario "de precariedade laboral e de medios, sen reforzar o sistema sanitario público" e vai continuar priorizando unha atención telefónica fronte á presencial, o que provoca unha maior dificultade nos prognósticos e polo tanto unha tardanza en detectar patoloxías graves e derivalas á atención especializada.
"Todas estas dificultades para acceder á sanidade pública só benefician á sanidade privada", critican os nacionalistas, que engaden que durante a pandemia, segundo SOS Sanidade Pública, deixáronse de facer unhas 3.000 intervencións cirúrxicas, 600.000 consultas médicas e 20.000 probas diagnósticas.
Relacionadas:
-
Entregadas máis de 500 sinaturas en defensa da sanidade pública
Por Redacción |
-
Trocan as protestas diante do centro de saúde de Marín por repartición de follas de reclamacións
Por Redacción |
-
O BNG de Marín esixe que se retome a asistencia presencial nos centros de saúde con outra manifestación
Por Redacción |
-
As emendas do BNG aos orzamentos da Xunta para Pontevedra céntranse no medio ambiente, as infraestruturas e a cultura
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PSdeG emendará o "desfile das promesas incumpridas" dos Orzamentos da Xunta na comarca
Por Oskar Viéitez |