A reforma da Praza de Vilalonga reorganizará os espazos para integrar o campo de fútbol
Por Redacción
A reforma da Praza Pública de Vilalonga centrarase en tres puntos: a humanización de todo o espazo, reorganización da praza e mellora para integrar o campo de fútbol na contorna. Así o explicaba este luns Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, durante a súa visita á zona, acompañado pola primeira tenente de alcalde María Deza e polos concelleiros Paz Lago e Jaime Leiro.
A esta visita tamén acudía a arquitecta que se encargará da redacción do proxecto de reforma, Irene Campo Sáez. A idea do goberno municipal é que este punto poida converterse nun espazo totalmente accesible con prioridade para o paso peonil. Manteranse os accesos ao campo de fútbol e tamén aos servizos básicos municipais nesta praza que conta con 4.388 metros cadrados.
Na zona tamén se atopa o colexio O Cruceiro, que se vería tamén integrado neste proxecto. Esta praza é utilizada para o mercado ambulante, festas populares e distintas actividades durante o ano e a intención da arquitecta é convertela nun espazo "máis versátil".
A zona de xogo infantil será ampliada e instalaranse novos elementos de diversión para diferentes idades, coa intención de atraer a familias con menores. Tamén se derrubará o vello quiosco.