Tres millóns de euros para completar o saneamento en Santa María de Xeve
Por Alejandro Espiño
Nun prazo de dezaoito meses 168 vivendas de Santa María de Xeve estarán conectadas coa rede de saneamento municipal. Así será grazas á segunda fase das obras que, dentro do contrato da auga, está a executar a empresa concesionaria Viaqua.
Este novo proxecto ten un custo próximo aos tres millóns de euros, concretamente 2.973.829 euros, o que supón un investimento duns 18.000 euros por vivenda.
O servizo de saneamento quedará completado nos lugares de A Igrexa, Couso, Gatomorto e Frieiro, que xa tiñan instalada parte desta rede, e Os Fontáns, que non dispuña del.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, destacou que se trata dun proxecto "moi ambicioso" ao que tamén habería que imputar os gastos previos realizados para a conexión deste saneamento co colector da rede xeral.
Gulías tamén salientou o ambiente "colaborativo" cos veciños e veciñas da parroquia para mellorar o trazado da rede de sumidoiros que pasará por 27 parcelas privadas.
A esta actuación, sumarase unha demanda dos veciños: a conexión do novo campo de fútbol de Santa María de Xeve coa rede xeral de saneamento. Esta instalación deportiva ten fosa séptica e preocupaba a existencia de varios mananciais de auga moi próximos.
Este proxecto será asumido polo Concello con fondos propios e será independente do resto das obras de saneamento nesta parroquia.
Relacionadas:
-
Paso definitivo para completar o saneamento de Santa María de Xeve
Por Redacción |
-
As obras de reforma urbana e rural suporán un terzo dos investimentos municipais en 2021
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra ten en execución obras de saneamento e abastecemento por 41 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Comezan as obras que levarán o saneamento a máis de 80 vivendas de Alba, Lérez e Cerponzóns
Por Redacción |