Desaloxan dúas prazas de Pontevedra por "quedadas" que se descontrolaron
Por Alejandro Espiño
Varias "quedadas" de mozos durante esta última semana obrigaron á Policía Local a desaloxar dúas prazas da cidade ante as aglomeracións que se rexistraron e os incumprimentos ás restricións impostas pola incidencia da covid-19.
As intervencións policiais realizáronse o día 5 de xaneiro, véspera de Reis, nas prazas da Verdura e Méndez Núñez. Catro días despois a situación repetiuse na Verdura, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
Desde o Concello aseguran que estes feitos "non teñen nada que ver" coa hostalería da zona, xa que en ambos os casos as actuacións producíronse sobre as seis da tarde, cos locais xa pechados ou recollendo para cumprir co seu toque de queda.
O día 5 de xaneiro, os axentes tiveron que desaloxar ambas as prazas pola presenza dun gran número de persoas, maioritariamente xente nova. Foi, segundo a Policía Local, un desaloxo "tranquilo" e sen incidentes. Foron denunciadas oito persoas por non levar máscara.
Catro días despois, o sábado 9 de xaneiro, a Policía Local viuse obrigada a desaloxar de novo a praza da Verdura por ese mesmo motivo. Neste caso, foron denunciadas tres persoas: dous por beber na vía pública e unha por non levar máscara.
As prazas, unha vez desaloxadas, estiveron pechadas durante un tempo para evitar que se volvesen a producir estas aglomeracións. É a primeira vez que a Policía Local vese obrigada a realizar algo así.
O goberno municipal fixo un chamamento á "responsabilidade de todos", especialmente dos mozos, para extremar as precaucións ante a máis que previsible terceira onda desta pandemia e cuxo alcance "depende de nós", segundo Anabel Gulías.
Na última semana, entre os días 4 e 10 de xaneiro, a Policía Local presentou un total de 60 denuncias por incumprir as restricións da covid-19.
Un terzo delas, ata un total de 20, foron por incumprir o toque de queda. A elas súmanse 18 por non levar máscara, seis por reunirse sen ser conviventes, cinco por desobediencia, cinco por saltarse o peche perimetral, tres por beber na rúa, dúas a bares que non cumpriron o horario e unha por non inscribirse no rexistro de visitantes da Xunta.
Este foi o caso dun mozo residente en Madrid que foi localizado na zona de Joaquín Costa ás dúas da madrugada. Aos axentes díxolles que viñera a Pontevedra a renovarse o carné de conducir porque en Madrid era imposible facelo por estar colapsado o servizo.