O BNG propón a Cubela negociar os orzamentos de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O BNG de Cerdedo Cotobade acordou solicitar unha reunión co alcalde Jorge Cubela para negociar o proxecto de Orzamentos 2021 e as propostas de investimento por parte do goberno do PP.
O BNG, ao igual que para as contas do 2020, quere ser "parte activa" e presentará unha batería de medidas económicas, sociais e culturais para que teñan plasmación nos Orzamentos 2021 "antepoñendo, máis unha vez o benestar da veciñanza a calquera outro tipo de interese".
O portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira salientou a súa "preocupación e inquezanda diante das consecuencias económicas que están a lastrar o benestar de moitas familias, da brecha dixital na que se atopan algunhas crianzas, da situación crítica que están a padecer as persoas autónomas, o pequeno comercio e os produtores de Cerdedo e Cotobade e da necesidade de maior cobertura dende os servizos sociais para protexer aos nosos maiores ou ás persoas máis vulnerables".
Para o BNG as contas públicas deste ano "deben centrarse na dinamización comercial local, no benestar das persoas, no despegue da cultura e a loita polos servizos públicos".
O BNG fai un chamamento ao Alcalde para que dialogue coas forzas políticas "e se esforce en conseguir uns orzamentos que dean resposta as grandes necesidades que ten o noso concello", acadando un "Pacto polo Benestar da veciñanza de Cerdedo-Cotobade", dixo Filgueira.
Relacionadas:
-
O BNG de Cerdedo-Cotobade pide o ensanche da Ponte da Lomba
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade recibe 120 correos da veciñanza con 250 propostas aos orzamentos municipais
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade abre os orzamentos municipais á participación telemática da cidadanía
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade reserva unha partida para axudas directas a autónomos e hostalería
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada