Ence cobre o seu máximo de produción polos pedidos de China e a venda de papel hixiénico
Por Oskar Viéitez
Ence xa cubriu o máximo de produción previsto para 2021 con acordos de venda para preto de 1,1 millóns de toneladas de celulosa.
Segundo informou a compañía pasteira, a demanda global de celulosa continúa aumentando grazas á fortaleza dos pedidos en China, ao crecemento sostido da demanda para produtos hixiénicos e a unha maior petición de celulosa para viscosa.
A compañía asegurou un prezo medio de 772 dólares por tonelada para a venda de 238.000 toneladas en 2021. Este prezo é un 14% superior ao prezo actual de referencia en Europa.
A maior parte dos acordos de venda alcanzados teñen por destino Europa, mercado no que Ence ten fortes vantaxes competitivas loxísticas e de servizo ao cliente.
Segundo destacou o Grupo Ence a súa celulosa é demandada pola súa "alta calidade, recoñecida no sector como a mellor do mundo", así como pola flexibilidade na súa produción, que permite unha maior adaptación ás necesidades das empresas papeleiras.