As temperaturas irán ascendendo paseniño ao longo da semana
Por Redacción
Este luns 11 de xaneiro continuará soprando vento do nordés nas Rías Baixas, con intervalos de moderado no litoral. Iso provoca que as temperaturas se sitúen entre os 2 e os 13 graos, con lixeiro ascenso das máximas. Galicia atópase nunha situación de estabilidade na entrada desta semana e os ceos permanecen pouco nubrados ou despexados. As xeadas son intensas en puntos do interior, segundo apuntan desde o servizo de MeteoGalicia.
Para o martes, estableceranse altas presións entre os Azores e a península Ibérica, achegando estabilidade atmosférica. Os ceos permanecerán moi abertos, agás en vales do interior onde se rexistrarán néboas pola mañá. As temperaturas experimentarán lixeiros ascensos das mínimas, que non evitarán a presenza de xeadas, situándose entre os 3 e os 14 graos. Os ventos soprarán frouxos do suroeste no litoral norte e de dirección variable no resto da comunidade autónoma.
O mércores 13, as altas presións manteranse no oeste da península e continuará a estabilidade nas Rías Baixas. Os ceos permanecerán pouco nubrados ou despexados, con néboas matinais no interior e algunhas nubes baixas no litoral atlántico. As temperaturas ascenderán lixeiramente para establecerse entre os 3 e os 15 graos. Os ventos soprarán frouxos de compoñente sur.
Xa o xoves 14 aparecerá unha fronte pouca activa polo noroeste de Galicia, que deixará ceos parcialmente cubertos e precipitacións no nordés de Galicia. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente ata os 5 graos e as máximas estableceranse sobre os 13. O vento soprará frouxo de dirección variable.
A partir do venres haberá un predominio anticiclónico con tímida entrada das baixas presións de cara ao domingo, coa posibilidade de precipitacións débiles. As temperaturas suavizaranse, con subida das mínimas ata os 7 graos e as máximas sobre os 12, valores normais nesta época do ano.