O PSOE levará ao Pleno de Marín a reprobación da concelleira de Medio Ambiente por ocultar información
Por Redacción
O PSOE de Marín presentou unha moción urxente para o seu debate no Pleno da Corporación pola que pide reprobar e censurar o comportamento da concelleira de Medio Ambiente e Benestar Social, Marián Sanmartín.
A moción, presentada por Manuel Pazos, voceiro do grupo municipal do PSdeG PSOE en Marín, pide a reprobación por "poñer trabas co fin de dificultar o labor de control e fiscalización da oposición", empregando para elo "a desinformación e a mentira de xeito reiterado, contumaz e consciente".
Manuel Pazos explica que hai preto de tres meses que solicitaron a copia duns contratos formalizados entre o Concello e propietarios de parcelas adicadas a aparcamento público. Pedíronlle a información ata en seis ocasións e foi "permanentemente negada".
Durante estes tres meses, a concelleira de Medio Ambiente "mantivo unha actitude persistente e tenaz de ocultación" da información solicitada pola oposición. Segundo o PSOE, a concelleira mantivo esta actitude "co fin de dificultar a nosa labor" de control do goberno local e de acceso á información pública e empregou a mentira "sen ningún tipo de reparo".
Segundo asegura o PSOE, a concelleira afirmou que eran "contratos verbais" ou que non se podía facilitar "salvo que quixeramos unha folla da súa axenda" e só recoñeceu a súa existencia cando o PSOE amosou unha copia dun deses contratos.
O PSOE aspira a que o Pleno da corporación censure este tipo de prácticas que "danan os dereitos da cidadanía e da oposición" de coñecer a xestión realizada polo goberno local e que manchan a confianza recíproca necesaria entre a oposición e o goberno local.
Trátase dunha actitude que Manuel Pazos asegura que "nunca vimos" durante os anos que leva na política local e que, na súa opinión, significa que "parece que o público se xestiona como se dun chiringuito particular se tratase".