O PSOE de Cerdedo-Cotobade pide unha comisión de seguimento para vixiar as mocións aprobadas e sen executar
Por Redacción
A agrupación municipal do PSdeG-PSOE de Cerdedo-Cotobade presentará unha moción no vindeiro Pleno da Corporación para esixir ao goberno local maior "transparencia" e que se execute unha listaxe "interminable" de mocións que se aprobaron, pero non se cumpriron.
Os socialistas piden ao goberno que encabeza Jorge Cubela que faga unha lista do nivel de execución de cada unha destas mocións e que se publique e actualice de xeito periódico a través da páxina web municipal "para que os veciños teñan un coñecemento preciso" da súa situación e se finalmente a moción se cumpre.
Segundo explican desde o PSOE local, entre as mocións non executadas figuran moitas aprobadas por unanimidade desde hai máis dun ano. Así, falan dunha sobre o servizo de bono- taxi que foi aprobada o 29 de xaneiro de 2020, outra sobre a sala de agarda do centro de saúde de Carballedo aprobada por unanimidade o 30 de xullo de 2020 e unha aínda moi recente sobre axudas para autónomos e hostaleiros que se aprobou o 1 de decembro de 2020.
As máis antigas son unha sobre a limpeza dos ríos aprobada por unanimidade o 28 de novembro de 2019, outra sobre os accesos seguro ao colexio de Tenorio aprobada por unanimidade o 28 de novembro de 2019 e unha sobre dinamización cultural e deportiva das nosas parroquias que se remonta ao 24 de setembro de 2020.
Os socialistas denuncian o seu incumprimento e queren que se constitúa unha comisión de seguimento para controlar as mocións e para esixir o estado de execución de cada unha delas. "Reclámase un concello colaborativo, comprometido, con palabra e sobre todo solicítase dende o PSdG transparencia ante a actual situación dun goberno local autoritario incumprindo o acordado nas sesións plenarias e vulnerando a lexislación vixente", engaden desde o PSOE.
Relacionadas:
-
O PSOE de Cerdedo-Cotobade pide fondos ao Concello para poñer en marcha as súas mocións aprobadas durante 2020
Por Redacción |
-
O PSOE de Cerdedo-Cotobade aplaude a repartición de fondos da Deputación aos concellos
Por Redacción |
-
O PSOE de Cerdedo-Cotobade pide que se invista o superávit municipal nunha sala de espera para o centro de saúde
Por Redacción |
-
O PSdeG emendará o "desfile das promesas incumpridas" dos Orzamentos da Xunta na comarca
Por Oskar Viéitez |