Vilalonga di adeus ao quiosco con motivo da reforma da praza pública
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo executará nos próximos meses a remodelación da Praza Pública de Vilalonga.
Previamente a iso, xa contrataron a derriba do quiosco, situado no espazo, que realizarán nas próximas semanas e que terá un custo de case 11.000 euros. Os traballos iniciaranse unha vez que a empresa encargada da demolición dispoña dos permisos de xestión e retirada de amianto da uralita que conforma a cuberta.
Segundo o Concello, trátase do preámbulo á redacción do proxecto definitivo para aproveitar os 4.388 metros cadrados de superficie e así recuperar o espazo de convivencia e goce veciñal orixinario da praza.
A idea do goberno é triplicar a zona de xogo infantil que se atopa nestes momentos nunha das esquinas da praza e reservar unha superficie de aproximadamente 3.000 metros cadrados como espazo multifuncional e polivalente. Ademais, quere reforzar o arboledo da alameda con máis especies que permitirán dotar a praza de máis e mellores zonas de sombra.
Durante a próxima semana, o alcalde, Telmo Martín, visitará a praza acompañado do técnico que se encargará de executar o proxecto definitivo.
Trátase dunha remodelación que pasou un longo proxecto xa que tivo que cambiar a titularidade a pública en novembro de 2019 tras un acordo amigable entre o alcalde, Telmo Martín, coa familia Campo para a presentación dunha demanda sobre a propiedade da praza que seguía rexistrada a nome da familia.
O Concello fixo ademais efectiva en marzo do ano pasado a compra do quiosco tras abonar ao propietario 39.703 euros, taxación realizada polo arquitecto municipal dos 75 metros cadrados do inmoble.