O Goberno provincial e o PP escenifican a súa división no pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou de maneira definitiva o Orzamento Xeral da institución provincial para este exercicio 2021 despois de desestimar as reclamacións presentadas contra o acordo de aprobación inicial deste documento, respecto a a relación de postos de traballo. O orzamento non tivo alegacións. O PP votou en contra.
Foi unha sesión plenaria de carácter extraordinario porque substituíu á convocatoria ordinaria de decembro.
O máis destacado do Pleno foi a moción do grupo provincial do Partido Popular para instar o Goberno central un "mellor trato" coa provincia incrementando "significativamente" as partidas orzamentarias para este ano. A portavoz do grupo, Pepa Pardo, argumentou esta moción para reivindicar que a Deputación "defienda a la provincia frente a los agravios producidos por el Gobierno de Pedro Sánchez".
Con esta moción o PP buscou un enfrontamento entre os socios de goberno do BNG e PSOE no Pleno por mor dos orzamentos do Estado aos que votaron en contra os nacionalistas, tal e como sinalou o portavoz do BNG e vicepresidente da Deputación, César Mosquera que apuntou que "non pasaría absolutamente nada porque os dous grupos de goberno votásemos distinto" insistindo na solidez do pacto de goberno na administración provincial.
Pardo sinalou que o orzamento do Estado para 2021 respecto a a provincia de Pontevedra é "el peor de los últimos quince años", e definiuno como "ideológico y poco útil, con recetas que perjudican mucho a Galicia y a esta provincia".
A portavoz popular esperaba que no pleno deste venres saíse da Deputación "un frente común para reclamar, como mínimo, que mantengan y ejecuten todas las inversiones que estaban recogidas en el documento anterior".
O portavoz do PSOE, Carlos López Font recolleu esa última proposta e expuxo unha emenda conxunta dos socialistas e os nacionalistas para que a moción do PP inclúa nesa fronte común reivindicar maior financiamento tamén ao Goberno galego, "aceptamos su moción pero le decimos que hay que abordar también el tema de la Xunta", afirmou Font.
A emenda foi rexeitada polo PP, "traigan ustedes una moción independiente sobre la Xunta", dixo Pepa Pardo pero "no intenten tapar sus vergüenzas" con esta iniciativa.
Mosquera tamén reprochou a intervención da deputada popular por querer "facernos votar un discurso de VOX facéndoo pasar por unha defensa de Galicia" e indicoulle a Pepa Pardo que "se retratou vostede co seu discurso".
Finalmente, os deputados do Partido Socialista e os do Bloque votaron en contra da moción do PP.
ADRO VELLO
Noutra moción o Partido Popular ha reclamado á Deputación de Pontevedra un estudo previo sobre a viabilidade de deseñar un novo trazado para a EP-9106, na contorna do xacemento de Adro Vello, no Grove, e a súa posterior execución, co fin de favorecer a continuidade e consolidación das escavacións arqueolóxicas.
Os populares entenden que este cambio no vial provincial é "un paso importante" para reactivar e poñer en valor este xacemento arqueolóxico e da súa contorna.
PSOE e BNG presentaron unha transacción a esta moción pola que aceptaban realizar o estudo para estudar novos trazados desta estrada provincial pero rexeitaron comprometerse coa súa posterior execución "porque non sabemos que resultado terá ese estudo". A proposta foi rexeitada polo PP.
"Non hai maneira de chegar a acordos con vostedes", lamentou o vicepresidente da Deputación.
Relacionadas:
-
Chamamento desde O Grove para "desatascar" a protección de Adro Vello e declaralo BIC
Por Redacción |
-
O PP pide ao Goberno provincial un golpe de temón para facer "útil" a Deputación
Por Redacción |
-
O PP buscará un enfrontamento entre BNG e PSOE no Pleno da Deputación por mor dos orzamentos do Estado
Por Oskar Viéitez |
-
O PP reclama outro trazado para a EP-9106 para dar continuidade ás escavacións en Adro Vello
Por Redacción |
-
Novo "numerito" no pleno da Deputación en que se aprobaron os orzamentos para 2021 co PP abandonando a sala
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |