O contacto cun positivo por covid-19 mantén en corentena a dous Reis Magos que percorreron Pontevedra
Por Natalia Puga
Dous dos Reis Magos de Oriente que o pasado 5 de xaneiro percorreron Pontevedra atópanse en corentena. Ambos foron contacto estreito dunha persoa que deu positivo por covid-19, de modo que lles pediron que manteñan illamento á espera de realizarlle unha proba PCR. Polo menos a un deles fixéronlla xa este venres, pero aínda descoñece o resultado.
Ese contacto estreito produciuse, precisamente, o día 5 de xaneiro, pois se trata dun funcionario do Concello de Pontevedra que, por cuestións laborais, tivo contacto con eles durante esa xornada. Ao día seguinte, empezou a ter síntomas e deu positivo, de modo que se empezou a rastrexar aos seus contactos.
A noticia, adiantada por Belén López en Diario de Pontevedra, foi confirmada por PontevedraViva, que contactou cun dos Reis en corentena. A súa Maxestade confirma que este venres fixéronlle a PCR e que está "muy tranquilo" porque non ten síntomas e adoptou todas as medidas de seguridade necesarias para evitar contaxios.
"Puedo ser positivo, pero estoy tranquilo con todos los protocolos", insiste, aínda que recoñece que "de todas formas, aún siendo cuidadosos, a cualquiera le puede pasar". Insiste en que se extremaron as precaucións tanto entre os propios Reis e persoal municipal como cos nenos e adultos de Pontevedra que quixeron achegarse a eles nun día tan sinalado.
Así, este ano non houbo recepción real nin cabalgata ao uso e dedicáronse a percorrer Pontevedra nunhas particulares carrozas que xa foron deseñadas con dous obxectivos: "evitar aglomeraciones de gente, que no estuviera en un sitio esperándonos" e evitar o contacto directo coa poboación, "solo queríamos que supiesen que andábamos por Pontevedra, pero no acercarnos", para evitar potenciais contaxios.
Tanto nas carrozas como en toda a súa xornada laboral levaron máscara e mantiveron distancias de seguridade, pero o contacto mantívose durante a comida.
Durante a xornada houbo dous tríos de Reis Magos diferentes percorrendo Pontevedra -unha no rural e outra no centro urbano- e comeron xuntos nun mesmo restaurante en mesas de catro. Na mesa do funcionario que deu positivo estaban estes dous Reis e outro traballador, por iso estas tres persoas están consideradas contacto estreito e están en corentena, mentres que o resto do equipo non. Estes dous Reyes formaban parte do equipo que percorreu a cidade.
A pesar de compartir mesa, o Rei Mago que relatou o seu caso a PontevedraViva explica que eran catro nunha mesa de oito, "había muha distancia", puxeron máscara entre prato e prato e "estuvimos como mucho 20 minutos comiendo", pois a completa axenda do día non lle permitía ter máis descanso. Os outros comensais estaban noutras mesas separadas varios metros e con biombos, de modo que tan só tiveron "el único riesgo de que quitamos la mascarilla para comer".
Ademais destes dous Reis Magos, o positivo tamén estivo en contacto con máis traballadores con vinculación co Concello que están igualmente en corentena, aínda que ata o momento ningún deu positivo, pois, segundo relataron fontes próximas a todos eles, adoptaron todas as medidas de seguridade e en todo momento usaron máscara -excepto á hora de inxerir comida-.
Relacionadas:
-
Sanidade ve "constante" a incidencia da covid-19 en Pontevedra e mantén as restricións
Por Alejandro Espiño |
-
"Enorme preocupación" en Galicia por festas e botellóns que expandiron a covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
Os Reis Magos percorren toda Pontevedra para non deixar a ninguén sen agasallo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |