Unha parcela da rúa Palestina acollerá un aparcadoiro de 100 prazas en San Salvador
Por Redacción
A parroquia de San Salvador contará cun aparcadoiro cun número de prazas gratuítas de entre 100 e 150, segundo as previsións do Concello de Poio. Este proxecto poñerase en marcha nos próximos meses grazas á cesión dunha parcela por parte dun particular nas inmediacións da rúa Palestina.
O alcalde Luciano Sobral comprobaba esta semana estes terreos e agredecía a cesión deste espazo con máis de 2.500 metros cadrados. Esta parcela atópase nas proximidades do Instituto de Neuro-rehabilitación Quirónsalud Pontevedra, na avenida de Andurique e preto das instalacións da Galiña Azul, a escasa distancia da contorna da Barca.
O Concello de Poio, unha vez pechado o acordo co propietario, levará a cabo traballos para que se poida utilizar como aparcamento. Segundo explicaba o alcalde de Poio, os operarios municipais instalarán un peche para limitar o terreo. Será necesario realizar movemento de terras para igualar os niveis e deixar a superficie en condicións para estacionar. Tamén se instalarán varios puntos de luz.
A idea do goberno local é que o seu uso estea dispoñible para a veciñanza a partir de primavera, sempre que acompañen as condicións meteorolóxicas para realizar estes traballos de adaptación. A parcela contará con dous accesos para os vehículos, un situado no Camiño das Bocas e outro na rúa Palestina, preto das instalacións do centro infantil Galiña Azul.
Ata o de agora o núcleo da parroquia de San Salvador contaba con dúas grandes áreas de aparcamento: a praza Riestra e as inmediacións da praza Colón, con máis de 3.700 metros cadrados, apuntan desde o goberno local.
Desde o Concello indican que continúan realizando xestións con outros propietarios en distintos puntos para aumentar a oferta de prazas de aparcamento nas parroquias de Poio especialmente en zonas con déficit.
Relacionadas:
-
400 novas prazas de aparcadoiro serán creadas en San Salvador e preto da igrexa de Samieira
Por Redacción |
-
O Concello de Poio negocia a cesión de parcelas privadas para acoller prazas de aparcamento
Por Redacción |
-
A Asociación Veciñal de San Salvador entrega máis de 1.000 firmas esixindo a creación de aparcamentos
Por Oskar Viéitez |