A recuperación do rural a través de tres experiencias vinculadas ao sector forestal
A actividade forestal é un dos motores da economía rural de Galicia. Na nosa Comunidade prodúcese máis da metade da madeira de toda España. Neste eido, Ence contribúe a manter e potenciar o sector forestal con casos como o da súa biofábrica de Pontevedra, que compra madeira aos propietarios forestais galegos, xa sexan particulares ou comunidades de montes, con cifras de negocio que, por exemplo, no 2020 estiveron próximas aos 190 millóns de euros.
Á principal actividade de compra de madeira habería que sumar os investimentos realizados en plantacións, mantemento e limpezas forestais. En todos estes traballos interveñen pequenas e medianas empresas que, cun criterio de proximidade, contribúen ao fomento das economías locais no rural.
DO SEMENTEIRO Á PLANTACIÓN
A empresa Novo Campo Plantenes é unha mostra de como o fomento da actividade forestal permite a diversificación e crecemento de diferentes tipos de negocio vencellados ao agro. O seu propietario, Jose Novo, asumía a empresa nos anos 80, herdada do seu pai. Na actualidade, indica Novo, "temos dúas áreas de negocio: unha tenda agraria con comercialización de venda maior e menor de sementes, plantas de viveiro e demais; e despois temos outra rama de negocio que son os sementeiros hortícolas e forestais".
A actividade desta empresa familiar é clave para o sector forestal e o desenvolvemento do rural galego. Desde a súa sede en Santa Comba, na provincia da Coruña, a súa relación coa biofábrica de Ence en Pontevedra establécese por varias vías. "Teño unha vinculación con Ence indirecta porque ao redor dun 40% dos meus clientes o diñeiro que traen é procedente do monte, e deles o 99% vende madeira para Ence", comenta Novo. A súa área de negocio de venda maior de sementes abrangue "Galicia, Asturias e a cornixa cantábrica", o que dá mostra do impacto económico da súa actividade.
Novo Campo Plantenes aposta polo rural e a economía de proximidade. Por este motivo, hai cinco anos incorporou a liña de negocio dos sementeiros de plástico reciclado. "É un lema que temos: traballar cen por cen con plástico reciclado e enerxía verde, sen residuos". Estes sementeiros son os que albergarán a planta de eucalipto que logo é trasladada ao monte, para repoboalo, e nun prazo duns 12 anos poder proceder á venda da madeira e retomar o ciclo. Neste senso, Novo manifesta que "se temos aquí a produción de madeira, forzosamente temos que ter aquí a planta de industrialización desa madeira" para que lle saia rendible ao propietario.
"Se desaparece a produción forestal automaticamente o que temos é máis incendios, porque o monte queda sen aproveitamento ningún, sen coidar, entón máis tarde ou máis cedo vai haber un incendio que destrúa todo, e ao mesmo tempo son familias que deixan de ter uns ingresos e de vivir aquí", apunta Novo e engade a importancia de coidar o sector forestal para atraer poboación ao rural, de feito xa detectou entre os seus clientes que "está aparecendo un novo modelo que é xente que vive única e exclusivamente da madeira".
EMPRESAS FAMILIARES NO RURAL
Na súa aposta por vivir no rural, Salvador Canosa montou en 2011 xunto co seu pai a empresa Agriser Canosa, onde teñen empregadas 12 persoas. A isto hai que sumar todos os contratos que realizan cos propietarios de montes nunha área de actuación que abrangue toda a Costa da Morte e a comarca do Xallas e que superan os cen anuais. "Dedicámonos a traballos agrícolas e forestais, aínda que cada vez máis a traballo forestal, porque é máis continuo, durante todo o ano, non como o agrícola, que é por campañas". Para Canosa, outra vantaxe de adicarse ao sector forestal é que a súa familia gañou en calidade de vida: "a verdade é que a madeira está medrando moito, hai moito traballo e é cómodo, porque as fins de semana non traballamos".
Agriser Canosa xestiona todo o ciclo de explotación do monte ata que a madeira chega á fábrica, sendo a biofábrica de Ence Pontevedra un dos seus principais destinos. "Abarcamos un pouco todo. Temos un viveiro de produción de piñeiros, castiñeiros e eucaliptos onde traballan tres persoas; despois temos dentro da empresa un pequeno equipo que se dedica ás plantacións -facemos trituracións, subsolados ou miniretos, plantacións e abonados-; a madeira a maioría comprámola a propietarios, despois procesámola e entregámoslla á fábrica", explica Salvador Canosa.
Para Canosa "o futuro do eucalipto en Galicia pasa porque Ence esté aí", doutro xeito perderíase a posibilidade de explotación dunha especie arbórea que constitúe unha importante fonte de ingresos a pequenos propietarios e unha inxección económica no rural. "Ao final se hai un valor nos montes, os propietarios cóidanos e os montes están atendidos, sen ese valor, estarían abandonados". Por iso Canosa defende un respecto polo medio forestal cunha xestión integral como a que fai a súa empresa: "a min non me doe talar, pero hoxe talo e mañá repóboo; sempre intento convencer aos propietarios para que repoboen e que a cadea non se rompa".
CONEXIÓN ENTRE PEQUENOS PROPIETARIOS
A diferencia doutros territorios, en Galicia os terreos do rural están na súa maioría repartidos entre minifundios. E cando o destino final da madeira é unha empresa das dimensións de Ence, é fundamental que pequenos negocios sirvan de conexión entre os propietarios. É o caso de Transportes Jose Manuel Vecino que se dedica a "transportar madeira entre taladores ou cortadores; eu cargo a madeira e lévolla á fábrica directamente; traballo para pequenos madeireiros e mais para Ence", como explica o propio Jose Manuel Vecino, quen completa o dato indicando que "tódolos días teño seis camións na estrada e cada camión leva 40 toneladas de madeira".
Este volume de traballo tradúcese en riqueza para os propietarios das parcelas, que se non fose pola explotación do eucalipto non terían viabilidade económica, pero tamén para as familias que teñen aos seus membros empregados en empresas dependentes do forestal. "Eu teño agora mesmo nove empregados e se non estivese Ence non os podería ter", explica o transportista.
Para Vecino, cunha experiencia de 18 anos no sector, as empresas de transporte de madeira son un forte motor da economía do rural, tanto a vinculada ao traballo forestal como a outras actividades. "Chega o inverno e eu aos meus empregados teño que comprarlles unhas botas e así tamén estou dándolle negocio a outra xente, isto é unha cadea moi grande". Ademais lembra o labor que cumpren tanto no coidado do monte como na vixilancia para evitar malas prácticas ou mesmo incendios. "Nós somos os primeiros interesados en que se respecte o monte e se o traballo se fai ben é bo para todo o mundo".
Relacionadas:
-
O compromiso de Ence con Galicia: bioeconomía, desenvolvemento do rural, creación de emprego e xestión sostible
Por Noticia patrocinada |
-
Galicia suspende as novas plantacións de eucalipto para diversificar os seus montes
Por Alejandro Espiño |
-
Ence contribúe á loita contra a exclusión social en Pontevedra
Por Noticia patrocinada |
-
Ence achega ao rural de Galicia máis que as dúas liñas de fondos da PAC
Por Noticia patrocinada |
-
A importancia da celulosa para superar a crise económica
Por Noticia patrocinada |
-
Ence Pontevedra aposta pola economía circular en todos os seus procesos
Por Noticia patrocinada |