Pontevedra activa o operativo municipal por xeadas nas estradas
Por Redacción
Cada vez que as temperaturas baixan de 1 grao, Pontevedra activa un operativo municipal para combater as xeadas nas estradas e garantir a seguridade viaria nelas. Este operativo está en marcha desde hai uns días e continuará mentres se manteñan as baixas temperaturas que se rexistran na cidade.
Neste operativo participan catro operarios da empresa adxudicataria de limpeza, Ferrovial, que se ocupan de esparexer sal tanto no ámbito urbano como no rural.
Ademais, atenden ás chamadas da veciñanza que alertan de puntos que presentan algún perigo por xeada, tanto para peóns como para vehículos.
Durante as últimas noites, botaron sal en zonas céntricas da cidade como a praza da Ferraría, así como en espazos da contorna próxima ao río como a ponte de Santiago, a pasarela metálica da avenida Bos Aires ou as pasarelas de madeira da Illa das Esculturas.
Tamén se prestou especial atención a toda a contorna de Beiramar e a puntos como o centro de saúde da Parda e a pasarela en Doce de Novembro.
No rural actuouse de xeito preventivo en lugares como Cons, na parroquia de Mourente, ou nos lugares de O Vilar, O Rañadoiro e Acevedo en Ponte Sampaio.
O operativo incluíu unha revisión dos cruzamentos de pistas nas parroquias que puidesen presentar problemas polas xeadas.