Sanxenxo impulsará o programa de xuventude e voluntariado
Por Redacción
O goberno local do Concello de Sanxenxo anunciou a súa intención de dar continuidade ao programa de Xuventude e Voluntariado que conta na actualidade con máis de 200 rexistrados.
O departamento que dirixe o concelleiro Daniel Arosa confiará á encargada do plan "+ Xuventude, Máis Concello" o desenvolvemento dun programa con actividades que "favoreza a cohesión social entre os mozos e axude a previr malos hábitos en idades temperás".
Daniel Arosa asegurou que "a atención a nosa mocidade sempre é importante, pero agora máis se cabe debido a pandemia e as restricións sociais ás que nos vemos sometidos pola actual situación sanitaria". Neste sentido o edil define como "ferramenta clave" o programa "+ Xuventude, Máis Concello".
O concelleiro afirma que o bo funcionamento do programa quedou demostrado coa alta participación de mozas nos distintos talleres e actividades que se organizaron nas instalacións da Casa Mariñeira de Don Fernando durante o pasado verán.
A través deste plan traballáronse a planificación e organización de actividades, o sentido da responsabilidade, pero tamén o goce con propostas diferentes que conlevaron sesións fotográficas no exterior, talleres de videoxogos e comunicación, vídeo-foros, taller xogos por equipos ou a formación de axentes sociais e voluntariado xuvenil. Mesmo se chegou a realizar un taller extra de afectividade e sexualidade de dúas xornadas demandado por mozas de entre 15 e 16 anos rexistrados no programa.
O programa, así como os obxectivos que se perseguen foron presentados a semana pasada á directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Cristina Pichel, durante unha visita á Casa Mariñeira de Portonovo na que estivo acompañada do concelleiro Daniel Arosa e a primeira tenente alcalde, María Deza, e na que destacou a calidade do proxecto.