Un novo centro de saúde ou o vial do Vao, entre as emendas do BNG aos orzamentos da Xunta
Por Redacción
Emendas "prioritarias" para o desenvolvemento de Poio e para mellorar a calidade de vida e impulsar a actividade económica no municipio. Así son, segundo o deputado autonómico Luis Bará, as propostas que o BNG presentou para corrixir os orzamentos da Xunta para 2021.
Trátase de iniciativas que superan os 8 millóns de euros e que servirían, din os nacionalistas, para poñer fin ao "apagón investidor" do goberno galego en Poio. Marga Caldas sinalou que nas contas para este ano só se inclúen 20.000 euros para a mellora da lonxa de Campelo.
O BNG entende que esta cantidade é "insuficiente" para as actuais necesidades do sector do mar e propoñen elevala ata os 100.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética da lonxa e resolver os problemas de accesibilidade.
Os nacionalistas incluíron nas súas emendas ata 2 millóns de euros para a construción dun novo centro de saúde en Poio, 2,5 millóns para a humanización dos portos de Raxó e Covelo ou unha achega da Xunta para a construción dun novo pavillón deportivo.
Ademais, o BNG reclama 700.000 euros para a mellora da fronte marítima de Combarro ou unha partida para a rehabilitación integral, enerxética e funcional do CEIP de Viñas, unha actuación que comprometida desde 2011 e que a Xunta "mantén atrancada", denuncian.
Pola súa banda, o alcalde, Luciano Sobral, defendeu que os orzamentos da Xunta para 2021 deberían incluír tamén cartos para mellora da seguridade viaria e a urbanización da PO-308 entre A Barca e A Seca e para a construción do novo vial do Vao.
Esta nova entrada, recordou Sobral, xa está prevista no Plan MOVE de 2010 e permitiría non só desconxestionar o tráfico da Barca, senón tamén humanizar toda a zona.
As emendas do BNG para Poio inclúen tamén cartos para o "imprescindible" desenvolvemento do polígono industrial de Fragamoreira.
Relacionadas:
-
O BNG de Poio reclama a humanización da PO-308
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Poio presenta un orzamento de récord, 13 millóns, e de marcado carácter social
Por Redacción |
-
O BNG reivindica unha mellor sanidade e máis seguridade viaria para Barro
Por Redacción |
-
As emendas do BNG aos orzamentos da Xunta para Pontevedra céntranse no medio ambiente, as infraestruturas e a cultura
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O BNG lembra ao Goberno de Pedro Sánchez as "demandas históricas" do concello de Poio
Por Oskar Viéitez |