O PP volve pedir á Deputación unha liña de axudas para autónomos e pemes
Por Redacción
O grupo provincial do Partido Popular pide a convocatoria de axudas para autónomos, pemes e hostaleiros ao executivo da Deputación de Pontevedra. Despois da lectura do manifesto que tivo lugar este luns fronte á sede da institución provincial en Vigo, o portavoz dos populares, Jorge Cubela, sostén que "nesta provincia só están recibindo axuda da Xunta de Galicia e nalgún caso tamén das iniciativas que aprobaron algúns concellos, porque nin o Goberno central nin a Deputación de Pontevedra repartiron un só euro".
Denuncia ademais Cubela que este venres está prevista a aprobación dos orzamentos da Deputación, que, segundo a súa formación, non inclúen nin un só euro en axudas para autónomos e pemes, nin tampouco medidas para paliar os efectos económicos, sanitarios e sociais da pandemia.
Aseguran os populares que se trata dunha cuestión de vontade política e defenden que desde o PP "levamos meses reclamando un plan de axudas específico de 10 millóns de euros para autónomos e pemes porque hai ben de onde sacalos para axudar a un dos sectores que máis o precisan". Poñen como exemplo ademais ao resto de Deputacións galegas que si tramitaron axudas deste tipo, o que supón un agravio comparativo para as empresas pontevedresas.
Sobre os orzamentos, Cubela lamenta que manteñan unha liña continuista e que non fomenten o gasto social, os investimentos ou o apoio a colectivos e sectores estratéxicos nesta situación de crise. Critica tamén que as contas vaian aprobarse sen consenso, "o que demostra falla de díalogo e transparencia", remata.
Relacionadas:
-
O PP pide ao Goberno provincial un golpe de temón para facer "útil" a Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación reclama á Xunta un plan "inmediato" de rescate a hostaleiros e comerciantes
Por Redacción |
-
O PP buscará un enfrontamento entre BNG e PSOE no Pleno da Deputación por mor dos orzamentos do Estado
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación liquida o Plan Concellos do 2020 cunha última repartición de fondos
Por Redacción |