O Sergas fará este venres un novo cribado preventivo na Illa de Arousa
Por Redacción
A Xunta de Galicia, a través da xestión do Servizo Galego de Saúde (Sergas), prevé reforzar os vindeiros venres 8 e sábado 9 de xaneiro con novos cribados preventivos en A Illa de Arousa dada a persistencia da situación epidemiolóxica deste concello arousán da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
A Illa conta cunha das máis altas incidencias acumuladas de casos a 14 días de toda Galicia.
Os responsables do Sergas consideran de interese preventivo continuar con cribados poboacionais a colectivos con rangos diversos de idade e coa dita incidencia acumulada elevada. A finalidade destes cribados é detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios de coronavirus.
Ante esta situación, tras facer en pasadas datas dende a Área Sanitaria un primeiro cribado con PCR a poboación de A Illa de Arousa, decidiuse xunto coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade levar a cabo novos cribados voluntarios da poboación de A Illa de Arousa de máis de 15 anos con tests en mostra de saliva.
Cómpre sinalar que o total de usuarios de 15 ou máis anos de idade con Tarxeta Sanitaria en A Illa de Arousa acada os 3.663, dos que 3.057 teñen entre 15 e 69 anos -colectivo ao que se lle efectuará voluntariamente o cribado con test de saliva- e outras 606 persoas teñen máis de 70 anos -grupo poboacional ao que se le efectuará voluntariamente unha mostra nasofarínxea-.
Para facer estes cribados os vindeiros venres 8 e sábado 9 de xaneiro, a Administración Sanitaria Pública galega conta con 12 profesionais coordinados por un facultativo, que comezarán o traballo o vindeiro venres con seis equipos que entregarán aos cidadáns botes de recollida de mostras de saliva entre as 8:30 e as 19:30 horas.
Xa o sábado 9 de xaneiro, tres equipos tomarán mostras nasofarínxeas voluntarias á poboación de A Illa de Arousa de máis de 70 anos, máis outros dous equipos que farán a recollida dos botes entregados para as mostras de saliva o día anterior.
As mostras tomadas en A Illa de Arousa procésaránse no servizo de Microbioloxía da Área Sanitaria de Vigo e os resultados serán comunicados aos usuarios por SMS, sempre que o resultado sexa negativo. No caso de resultar positivo, esta notificación comunicaráse de xeito individual a cada cidadán.
Relacionadas:
-
O cribado realizado na Illa chegou ao 90% da poboación e fixo aflorar oito asintomáticos
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Sanidade empeza a rastrexar posibles asintomáticos con covid-19 entre a poboación maior de 15 anos da Illa de Arousa
Por Redacción |
-
Sanidade fará un cribado xeneralizado a toda a poboación da Illa, o concello "que máis preocupa, sen ningunha dúbida"
Por Natalia Puga |
-
Sanidade fará cribados en A Illa, O Grove e Bueu pola alta incidencia da covid-19
Por Redacción |
-
Aumentan as restricións en Bueu e A Illa e levántase o peche perimetral en Barro
Por Redacción |