Os xogos de mesa, un dos agasallos estrela dos Reis Magos
Por Oskar Viéitez
Ao longo desta madrugada os Reis Magos deixaron agasallos en todos os fogares pontevedreses. Nesta noite máxica as súas maxestades de Oriente cumpriron coa maioría dos encargos realizados polos nenos nas súas cartas.
Segundo informan algúns dos provedores das tres casas reais de Oriente: Juguettos, Carrefour e El Corte Inglés, tantos días de confinamento e peche nas casas influíu nas peticións que este ano inclúen máis xogos de mesa que en anteriores ocasións (Monopoly, Trivial, A Casa dos Retos, Cluedo, Catán, etc) ou xogos de cartas como o clásico UNO ou o 'Virus', un xogo de cartas para maiores de 8 anos no que os participantes teñen que competir por ser o primeiro en erradicalo.
Melchor, Gaspar e Baltasar tamén trouxeron bonecas ás que hai que curar porque están contaxiadas co coronavirus, o centro médico dos bonequiños Bellies, as Nancys coa súa máscara ou a Barbie doutora.
Entre os máis demandados están os bonequiños en miniatura de SuperZings e o Baby Yoda de The Mandalorian. Tamén os disfraces de superheroes: Spiderman, Wonder Woman, Capitán América ou Ladybug.
Seguen entre os principais xoguetes reclamados polos nenos pontevedreses os Playmobil, os coches en miniatura de Hot Wheels, os Pinypon, os LEIGO de Star Wars e Harry Potter, así como a figura con mascota Enchantimals Sage Skunk e Caper, os peluches de animais United Labels, e as bonecas Rosaura e Martina.