Sete colectivos do Salnés reciben subvencións da Deputación para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial
Por Redacción
A Deputación vén de conceder sete subvencións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial da provincia a outros tantos colectivos do Salnés para rehabilitar galeóns, dornas e embarcacións tradicionais.
Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega as achegas pertencen á liña de axudas para a Recuperación e posta en Valor do Patrimonio Marítimo Fluvial da provincia, que ten a intención de fomentar a recuperacións de bens de interese do patrimonio relacionado co mar e os ríos na provincia.
Segundo explica Ortega, na Illa de Arousa recibiron colaboración económica catro entidades. A Asociación Fasquía recibiu 10.057 euros para o cambio dun elemento estrutural dunha dorna tradicional, conseguindo o 80% do orzamento da actuación e recibindo 80 puntos pola adecuación ás bases; a asociación Cultural Dorna, recibiu 4.322 euros para a intervención no galeón ‘Rei do Mar’, con 85 puntos de valoración e tamén o 80% do orzamento da intervención, o máximo posible.
A Asociación Komaira recibirá 10.043 euros para a recuperación da embarcación tradicional homónima, con 95 puntos de valoración e tamén o máximo de subvención, e a Asociación DS Illa de Arousa percibirá 9.653 euros para a rehabilitación do ‘Barco de San Pedro’, valorada con 90 puntos e tamén o 80% do orzamento.
En O Grove, os Amigos da Dorna meca recibirán 10.121 euros para a mellora dunha embarcación tradicional (85 puntos); en Sanxenxo os Amigos da Dorna recibirán 10.000 euros para a fase final da rehabilitación da ‘Dorna nai Surfeira’; e a Asociación Calmoseira de Cambados percibirá 4.854 euros para os remates e reparación do galeón Adelino Manuel, obtendo a máxima puntuación (100 puntos).
No total da provincia a liña de axudas para a recuperación e posta en valora do Patrimonio Marítimo Fluvial chegou a 14 colectivos, que se repartiron 101.230 euros. Principalmente os colectivos beneficiarios localizáronse no Morrazo (2), Vigo (4) e Poio (1).