Sanxenxo incrementará o IBI só aos propietarios de segundas residencias
Por Oskar Viéitez
O goberno local do Concello de Sanxenxo traballa nunha nova ordenanza fiscal na que se acollerá á Real Decreto-lei 7/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes en materia de vivenda e alugueiro para aplicar unha subida do 50% do IBI aos propietarios de vivendas que non estean censados en Sanxenxo.
O Concello asegura que esta medida non repercutirá nos veciños empadroados no municipio aos que se lles manterá a taxa no mínimo legal, o 0,40%, mesmo aínda que teñan unha segunda vivenda que destinan ao alugueiro turístico.
O obxectivo que se persegue con esta ordenanza é dobre por unha banda incentivar os empadroamentos en Sanxenxo para alcanzar os 20.000 habitantes que supoñería importantes beneficios para o municipio en forma de axudas e fondos doutras administracións, principalmente do Estado.
Doutra banda, o Goberno local afirma que se trata dunha iniciativa de "xustiza fiscal" de maneira que a medida que aplica Sanxenxo mantendo o IBI no mínimo "beneficie exclusivamente aos veciños que residen aquí todo o ano, pero non aos propietarios de segundas residencias que se están beneficiando dunha medida que nin sequera teñen os veciños dos concellos da nosa contorna", afirman desde o Consistorio.
Por exemplo, os veciños de Pontevedra teñen o IBI un 60% máis alto (0,64%) que Sanxenxo, os do Grove un 46% máis (0,58%) e os de Poio un 18% superior (0,47%).
As segundas residencias obrigan ao Concello a facer un gran esforzo económico durante os períodos vacacionais co reforzo de todos os servizos. Con todo, o Concello non ingresa achegas dos impostos xerais do Estado polos miles de propietarios destas segundas residencias. Dito doutra maneira, os veciños de Sanxenxo están a financiar, coas achegas do Estado que lles corresponden, a prestación de servizos aos propietarios de segundas residencias.
No municipio hai na actualidade 16.109 vivendas, das que 5.003 pertencen a veciños, e as 11.106, restantes son segundas residencias cuxos propietarios pasan períodos vacacionais en Sanxenxo, pero polas que o Concello, ao non estar censados, non recibe ningunha achega dos impostos xerais do Estado.
A nova ordenanza que entrará en vigor en 2022 e que posibilita a Real Decreto/lei 7/2010 do 1 de marzo xa se está aplicando noutras cidades como Vigo. A recarga para os propietarios de vivendas non censados en Sanxenxo situará o imposto no 0,60%. A pesar deste axuste.