Os Reis Magos percorren toda Pontevedra para non deixar a ninguén sen agasallo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os pontevedreses están este martes, máis que nunca, atentos ás sirenas dos coches da Policía Local. Ese é o estridente son que anuncia a presenza das súas Maxestades de Oriente nos barrios e parroquias da Boa Vila.
"¡Ahí vienen los Reyes escucha la música! Eso es una charanga abuelo. Melchor, Gaspar y Baltasar van con los policías", así lle respondía esta mañá un rapaz ao seu despistado avó. Os nenos ben o saben xa: os protagonistas do día chegan coas alarmas dos coches patrulla. "Eso es porque están cerradas las fronteras y así pueden pasar", argumentou outro pequeno todo cheo de razón.
O rei Gaspar (o pelirroxo) en declaracións aos medio de comunicación dixo que "non podiamos faltar a esta cita con Pontevedra" e asegurou estar "moi ilusionado" cos coches tan "especiais" que lles preparou o Concello.
Gaspar garantiu que " haberá agasallos para todos" e desexou "moita saúde".
Desde as nove da mañá e ata as nove da noite, os Reis Magos están a percorrer a cidade do Lérez nuns estraños vehículos que substitúen a tradicional Cabalgata, que este ano non se poderá levar a cabo debido ás restricións sanitarias.
A iniciativa deseñouse, insisten desde o Consistorio, para que os veciños poidan contemplar o paso da Comitiva Real desde os balcóns ou xanelas das súas vivendas, evitando así aglomeracións e, por tanto, posibles contaxios indesexados da covid-19.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores saíu ao encontro dos Reis Magos na Praza de Galicia e aseguroulles que "este ano os nenos portáronse de marabilla" por lo que espera que traian "moitos máis agasallos para compensar o esforzo feito durante todos estos meses".
Lores tamén expresou o seu anhelo de que "o próximo ano podamos ter unha Cabalgata" desvelando así a súa petición aos Reis Magos "que podamos acabar co bicho este y que poidamos facer unha vida normal".