Comeza o segundo obradoiro dual de Vilanova de Arousa para formar persoas desempregadas
Por Redacción
36 persoas desempregadas forman parte de talleres postos en marcha pola Xunta de Galicia en Vilanova de Arousa para a súa formación coa intención de que se incorporen ao mercado laboral.
A Consellería de Emprego e Igualdade poñía en marcha este luns o segundo taller dual de emprego que leva por título Vista Real VI e que se suma ao de hostalería para menores de 30 anos, que se iniciaba hai un mes. O investimento para estes dous cursos aproxímase aos 700.000 euros.
Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta en Pontevedra, inauguraba o curso co alcalde Gonzalo Durán no Pazo de Vista Real. Piñeiro afirmou que a comarca do Salnés é a que dispoñerá da maior oferta de cursos de formación na provincia de Pontevedra, xa que están previstos oito talleres duais, catro para mozos e outros catro para xente de todas as idades e que se poñerán en marcha en Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo e Ribadumia. O investimento ascende a 2,75 millóns de euros e os cursos irán destinados a 156 participantes.
O taller que se iniciaba este 4 de xaneiro desenvólvese nos módulos de Xestión de Redes de Voz e Datos e Programación e de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes. Cada un deles contará con dez participantes e nove meses de duración. Complétanse con ensinos sobre riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental.
O alumnado poderá contar coa posibilidade de optar a contratos de prácticas por espazo de tres meses en empresas da zona para completar a súa formación e facer unha toma de contacto co mercado laboral.