Novas pasarelas de acceso para as praias de Foxos e Pragueira
Por Redacción
Durante estas primeiras semanas de xaneiro de 2021, o Concello de Sanxenxo ten previsto renovar os valos e a pasarela da praia de Foxos. Desta forma, o goberno local quere mellorar o acceso ao areal e, ademais, protexer, as dunas que se atopan nesta contorna.
Segundo informan desde o goberno municipal, instalaranse 265 metros de valos que substituirán ás actuais mellorando a conservación da paisaxe.
Na praia de Pragueira tamén está prevista outra intervención para mellorar o acceso coa instalación dunha pasarela de madeira nova, cunha lonxitude de 35 metros e que permitirá avanzar de forma cómoda e segura.
Con este cambio, as novas plataformas aparecerán máis elevadas para que as dunas manteñan o seu crecemento natural e non se obstaculice o seu desenvolvemento. Juan Deza, concelleiro de Medio Ambiente, prevé cambiar tamén a pasarela dun dos accesos máis transitado de Montalvo, á altura da zona de cámpings. Segundo indica, nestes momentos atópase moi deteriorado.
Indica que en Sanxenxo está a apreciarse a presenza de dunas móbiles embrionarias, dunas brancas (hábitats de interese comunitario) e dunas grises (hábitat prioritario), que sofren unha elevada presión polo alto volume de persoas que frecuentan as praias, principalmente, durante o verán e tamén noutras estacións ao tratarse, no caso de Foxos, de espazos nos que se practican deportes acuáticos como o surf.
O Concello de Sanxenxo asumirá os traballos cun orzamento de 10.000 euros con fondos propios.