A mobilidade estará permitida por motivos familiares o Día de Reis
Por Oskar Viéitez
O comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia vén de acordar, na súa reunión deste luns, que na xornada de Reis estará permitida a mobilidade desde concellos perimetrados por motivos familiares, pero só o día 6, como xa se permitiu para Noiteboa ou Noitevella.
O grupo de expertos acordou manter os niveis actuais de restricións existentes a día de hoxe no concello de Pontevedra e no resto dos concellos da comunidade, coa excepción de Carnota, As Pontes e Narón.
Nos dous primeiros suprímeselles as limitacións de mobilidade que tiñan ata o de agora e nocaso de Narón pasa ao nivel medio.
A única excepción é a que permitirá a mobilidade entre concellos, incluso nos que se atopan perimetrados, durante o vindeiro mércores, día 6 de xaneiro, entre as 00,00 e as 23 horas. Ao igual que aconteceu nas pasadas festas, cinguíndose a posibilidade destes desprazamentos ás visitas familiares.
Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de vixilancia especial aos concellos das comarcas da Coruña e Santiago de Compostela.
Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia de este martes e entrarán en vigor ás 00,00 horas do mércores.
A decisión de manter as restricións vixentes en toda Galicia vai ser revisada na xuntanza do próximo venres, xa que o grupo de expertos acordou que é necesario agardar uns días para poder avaliar a evolución epidemiolóxica logo das medidas adoptadas polas festas do Nadal e fin de ano.
Este luns 4 de xaneiro o concello de Pontevedra ten 154 casos activos (11 máis que o domingo), Poio 42 (sen variación), Marín 49 (+3), Bueu 61 (-1), Sanxenxo 35 (+2), Vilagarcía 92 (+5).
Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.