Alfonso XIII péchase ao tráfico desde este martes para que o alumnado do Froebel e das Doroteas utilice a rúa como espazo de recreo
Por Redacción
A partir deste martes 5 de xaneiro, a rúa Alfonso XIII pasará a converterse en patio de recreo para o alumnado dos colexios Froebel e Doroteas, unha demanda realizada polas comunidades escolares destes centros de estudo.
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal, anunciaba este luns a posta en marcha da medida aproveitando estes días sen actividade escolar para pñer en marcha o cambio. Sinalaba que se instalarán bolardos no extremo de Alfonso XIII que linda coa glorieta de Concepción Arenal para evitar acceso por esta zona.
Desta forma, o único punto de acceso e saída a esta vía con vehículos será a través da rúa Echegaray, onde se instalará un sinal específico que advirta das excepcións nas que se permitirá o tráfico rodado, que se reduce a acceso a garaxes, persoas residentes e movemento de vehículos de servizo.
En todo caso, ningún vehículo poderá desprazarse por esta rúa no horario de recreo, entre as 11.30 e as 12.15 horas durante as xornadas escolares. Á marxe deses 45 minutos, durante o resto do día, a vía manterase pechada á circulación ordinaria pero van permitirse os servizos habituais para residentes e actividades de carga e descarga.
Gulías sinalaba que, durante os primeiros días, axentes da Policía Local atoparanse por esta zona para informar os condutores da nova situación desta rúa con estas restricións establecidas.
A intención é que os escolares, principalmente do CEIP Froebel, conten cun patio ao aire libre no que os escolares poidan saír das instalacións do centro.