O nordés obrigará a que os Magos de Oriente veñan ben abrigados ás Rías Baixas esta semana
Por Redacción
Agárdase unha semana moi fría nas Rías Baixas. Galicia atópase este luns baixo os efectos de baixas presións, non moi activa, pero si moi fría. Segundo as predicións do servizo de MeteoGalicia espérase un arranque da semana con ceos parcialmente cubertos. A cota de neve situarase nos 400 e 500 metros. As temperaturas non experimentarán cambios significativos, con lixeiro descenso das mínimas, establecéndose entre 1 e 12 graos. As xeadas serán xeneralizadas e a sensación de frío permanecerá durante toda a xornada. Os ventos soprarán de compoñente norte, con pouca intensidade.
O martes 5, as Rías Baixas permanecerán nunha zona intermedia entre as altas e as baixas presións. Continuará o aire frío de xornadas anteriores. Comezará o día con bancos de néboa que deixarán paso a ceos despexados en toda a zona sur de Galicia. A neve establecerase en cotas ao redor dos 500 metros. As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente para situarse entre 1 e 10 graos. Formaranse xeadas localmente fortes e persistentes en zonas altas. O vento soprará frouxo do nordés ofrecendo tempo moi frío.
O día de Reis, o mércores 6 de xaneiro, o frío manterase. Irase recuperando a influencia anticiclónica. Espérase unha xornada de tempo seco e moi frío en toda Galicia. Comezará o día con bancos de néboa que deixarán paso a ceos pouco nubrados ou despexados. As temperaturas non experimentarán cambios significativos con xeadas xeneralizadas, especialmente intensas en zonas altas. O vento continuará soprando frouxo do nordés.
A tendencia manterase igual a partir do xoves, tempo frío e seco en Galicia. As temperaturas continuarán por baixo dos 10 graos na costa e por baixo de 5 no interior, con formación de xeadas nas madrugadas.