A área sanitaria suma 23 novos contaxios de Covid pero con só 288 probas PCR realizadas
Por Diego Espiño
O número de novas infeccións por coronavirus redúcese na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés este domingo 3 de xaneiro, a teor dos datos ofrecidos no seu balance diario polo Servizo Galego de Saúde, pero cun matiz, tamén cae o número de probas PCR realizadas.
Se nos últimos días do ano a cifra de test roldaba o milleiro (1.073 probas o 30 de decembro e 986 o día 31) nas últimas 24 horas só se realizaron 288 PCR na área pontevedresa, que se engaden ás 116.039 efectuadas con anterioridade.
Isto tradúcese en que a cifra de novos contaxios é das máis contidas en moito tempo, con 23 positivos, o que unido ás 84 altas epidemiolóxicas dadas a pacientes infectados por coronavirus fai descender os casos activos ata os 710, é dicir, 61 menos que o sábado.
O punto máis negro segue sendo a cifra de falecidos, que segue a crecer tras as dúas mortes asociadas co virus que se produciron na última xornada, ao sumarse ás estadisticas un home de 83 anos que estaba ingresado no Hospital do Salnés e outro de 80 anos que faleceu en Montecelo. Os seus decesos, xunto ao dunha muller de 78 anos durante o primeiro día de 2021 fan que o número de mortes de persoas con Covid suba ás 83 desde o inicio da pandemia.
En canto á presión hospitalaria, permanecen ingresadas na área sanitaria 44 persoas infectadas por Covid, das que 9 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo e o resto fano en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (30) e o Hospital do Salnés (5).
A nivel autonómico o número de casos activos de coronavirus é de 5.732, o que supón unha redución de 101 casos na última xornada.
Relacionadas:
-
Sobe a 11 o número de pacientes con Covid na UCI de Montecelo tras unha xornada con 44 contaxios detectados
Por Diego Espiño |
-
Incremento nos contaxios, casos positivos e hospitalizacións por Covid en Pontevedra e O Salnés
Por Diego Espiño |
-
A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés suma o seu cuarto día consecutivo con vítimas mortais por covid
Por Redacción |
-
Pontevedra, Bueu e Vilagarcía encabezan a baixada de infeccións activas na comarca nunha xornada con poucas PCR
Por Diego Espiño |
-
Unha muller de 78 anos ingresada en Montecelo e un home de 80, primeiros falecidos de 2021 por Covid na área sanitaria
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
A área sanitaria empeza o ano con 12 pacientes críticos de covid-19, o número máis elevado da segunda ola
Por Natalia Puga |